A actuación será no local social da Gentalha do Pichel, de Compostela, este venres ás dez e media da noite.
Biocultivos foi a canción do pasado verán, pero nunca puido ser escoitada ao vivo. As integrantes de Sacha na Horta compuxeron a canción, gravárona coa estelar colaboración de Marcos Payno (Galegoz. Le Glamour Grotesque, Matraca Perversa, Xenreira, Nenos da Revolta...) e gañaron o A Polo Ghit organizado por Vieiros e a Radio Galega para elixir a canción do verán. En principio a cousa non ía pasar de alí, pero como din en Biocultivos, Arma-te con vinho e canha / e começa a cantar.
Sacha na Horta actuarán en Cuba a comezos de febreiro, no marco da programación cultural galega que se presentará na Feira do Libro da Habana. Antes ofrecerán un único concerto en Galiza, o deste venres no local da Gentalha do Pichel (Santa Clara, 21), en Compostela, a partir das dez e media, con entradas a dous euros. Alí soará Biocultivos, pero tamén as súas novas cancións; dende o verán o grupo ampliou o seu repertorio com sete novos temas e varias versións: de Matraca Perversa, de Os Resentidos e o himno da Marcha Mundial das Mulleres.
Este concerto servirá para probar o grupo, con moitos atrancos para xuntarse para compoñer e ensaiar. Mantense a casa na compostelá rúa da Hortas, pero as Sacha na Horta son nove, e moitas viven fóra de Compostela, e unha mesmo en Barcelona. Tamén están as obrigas laborais e os exames. De aí a tardanza en dar o salto ao directo. A gran cita será en febreiro na Habana e nos meses seguintes ofrecerán máis concertos por todo o país. Tamén pensan en editar e distribuír as súas novas cancións, posibelmente a través da rede e en formato libre. Prende lume nas conciências / temos moito que queimar.