Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Falamos con Mané, de 'Sacha na Horta'

"Pensabamos que a nosa canción non contaba co apoio popular"

Unha das compoñentes do grupo gañador do premio ao ghit do verán 2007 explica como xurdiu a canción e cales son as súas perspectivas futuras.

Redacción - 18:36 20/08/2007

Hai un par de meses eran completamente descoñecidas. Mesmo nin sequera tiñan a intención de dedicarse ao mundo da música. Pero un día decidiron presentarse a A Polo Ghit... e gañaron. Sacha na Horta son tres rapazas da rúa das Hortas que, coa axuda dun grupo de músicos, conseguiron que os seus Biocultivos se convertesen no ghit galego do verán. Mané, unha das integrantes da banda, conta o sorpresa que lles causou vencer o premio.

Vieiros: Contabades con gañar o concurso?

Mané: Para nada. Estaba comentándoo cun amigo, porque pareceunos que a nosa canción non contaba co apoio popular. Eu pensaba que non o había, e por iso estamos sorprendidas. O criterio do xurado está aí.

V: Biocultivos foi a vosa primeira canción. Como xurdiu?

M: Foi unha arroutada dun día que falamos da primeira edición de A Polo Ghit. De aí saíu, cun pouco de alcol polo medio.

V: Cal é a función de cada unha dentro do grupo? Tocades algún instrumento?

M: Somos tres as que cantamos e cada unha decidiu como organizarnos, por estrofas. O que si fixemos entre todas foi o retrouso.
V: Despois de gañar A Polo Ghit, pensades seguir facendo música?

M: A metade do grupo, os músicos, xa están a traballar neste mundo. Hai integrantes dos Festicultores e da Matraca Perversa. Eles son profesionais, pero nós, como Sacha na Horta, teriamos que ver se continuamos, pois cada unha ten a súa vida. Haberá que pensalo e decidilo.

V: Xa estades preparadas para a viaxe a Cuba?

M: Sabemos que é en febreiro, pero nada máis. Parécenos moi emocionante e unha oportunidade única. Estamos moi contentas e emocionadas.

V: Como reaccionastes á nova, cando vos chamaron da Radio Galega?

M: Cando recibimos a nova estabamos cada unha nun sitio. Mágoa de non estar todas reunidas, para podermos celebralo, pero foi unha sorpresa. Eu estaba nas Fragas do Eume, na casa da miña avoa, sen cobertura, e quedei moi sorprendida. Estamos moi afagadas por gañar o premio, e flipando. Xa foi un punto quedar como finalistas.

V: Consideras que había moita competencia este ano? Que vos pareceron o resto das cancións?

M: Non sabería dicir cales foron os criterios do xurado. Pode que gustase, pero tamén hai xente que traballou moito, que presentou temas que nos gustaban... Houbo máis candidaturas e igual baixou o nivel. Contouse máis coa orixinalidade ca coa calidade técnica.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: