Ponse en marcha a Axencia Tributaria catalá, unha das primeiras entidades propias contempladas no Estatuto que bota a andar.
Esta cuarta feira botou a andar a Axencia Tributaria de Cataluña, un organismo que debe xestionar os impostos propios da Generalitat, e os que o goberno español lles cedeu completamente. É un dos primeiros instrumentos contemplados no novo Estatuto Catalán que xa comezou a traballar.
A axencia, presidida polo secretario xeral do Departamento de Economía, Martí Carnicer, ten un orzamento de 32 millóns de euros para o 2008, ocupa a 347 traballadores e ten pretendido xestionar máis de 5 millóns de euros en tributos o ano do seu nacemento.
Unha vez constituída, a Axencia debe formar un consorcio coa súa homónima estatal, que se vai encargar de xestionar os impostos compartidos polas dúas administracións.
Os impostos xestionados pola nova Axencia catalá
A Axencia Tributaria de Cataluña vai controlar o imposto sobre grandes estabelecementos comerciais e o gravame de protección civil da Generalitat; tamén o imposto de sucesións e doazóns, o de patrimonio, o de transmisións patrimoniais e de actos xurídicos documentados e as taxas sobre o xogo, cedidos polo Estado Español.
Unha recadación de 5.100 millóns de euros para o país
Todos estes cartos son os que o presidente da Generalitat, José Montilla, ten pensado recadar coa nova Axencia este ano. Para Montilla a creación desta entidade é o primeiro paso para conseguir o "despacho único" para Cataluña.
O presidente catalán tamén dixo estar seguro de que a nova Axencia vai cumprir os obxectivos estatutarios "tanto en materia tributaria como en financiamento". Montilla terminou a súa intervención lembrando que "estamos a fortalecer o autogoberno e estamos a facer Estado cunha Generalitat que respecta o marco constitucional e que coopera con outras institucións".
Críticas da oposición á Axencia e ao Estatuto
O voceiro do PP no Parlamento catalán, Carina Mejías, cualificou de "novo desafío do tripartito" catalán a apertura da ATC, reclamando que non se desenvolvan os artigos do Estatuto, contra os que recorreu o seu partido (están á espera dun dictame do Constitucional).
CiU xustificou a súa ausencia da presentación da entidade argumentando que é só "un cambio de rótulo da antiga dirección xeral de Tributos que non vai afectar os cidadáns".