Desde PPdeG e PSdeG opinan que sería posíbel creala mesmo sen reformar o Estatuto, aínda que non a consideran prioritaria. O BNG sostén que Galiza "queda atrás" se non avanza no mesmo camiño que Cataluña.
"É posíbel e entra dentro das competencias propias da comunidade autónoma, sempre e cando non pretenda xestionar os tributos que correspondan ao Estado", explicou para Europa Press o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo sobre a posibilidade de que Galiza teña un organismo propio para recadar impostos.
Núñez Feijoo considera que a Axencia Tributaria de Galiza "non é imprescindíbel" e fala da súa creación como dunha "decisión de segundo nivel que forma parte da estrutura organizativa dun goberno". Na súa opinión "non é razoábel impulsar o órgano se non se incrementan os tributos xestionados por Galiza". E porén, chamou a reflexionar sobre a necesidade de seguir a liña de transferencia de impostos desde o goberno español. "Ninguén pode xestionar o que non lle pertence", comentou Feijoo, para quen a xestión de tributos do Estado é "algo que excede as competencias da comunidade", razón pola cal critica o modelo aprobado por Cataluña.
PSdeG: "Non hai nada que o impida pero..."
"Forma parte da potestade de auto organización da comunidade", explica o deputado socialista Xaquín Fernández Leiceaga, asegurando que nada impide a súa creación. Así e todo, Leiceaga afirma que a existencia dunha axencia tributaria propia "non dá máis capacidades" necesariamente polo que non cre que Galiza quede atrás.
"Galiza ten uns servizos de recadación que funcionan ben, pero poderían organizarse doutro xeito", explicoulle a Europa Press. Na súa opinión, a creación deste órgano é unha "cuestión de oportunidade" que non entraría nas prioridades nun momento no que "o urxente é cumprir os acordos de goberno". Leiceaga recordou tamén que na negociación dos tres grupos parlamentarios para a reforma estatutaria acordárase xa a creación dun organismo deste tipo.
BNG: "Galiza queda atrás"
"A creación da axencia tributaria catalá demostra que Galiza queda atrás por non reformar o Estatuto de Autonomía, fronte aos que dicían que non se perdía ningún tren", laiouse ao respecto Carlso Aymerich, voceiro parlamentario do BNG.
Aymerich sinala que é posíbel conseguir unha axencia tributaria propia mesmo co actual Estatuto, aínda que repara en que "non podería facerse de forma unilateral", como si podería lograrse se o órgano estivese recollido no texto estatutario. Ao fío, lembra o voceiro nacionalista que o acordo definido no seu momento sobre este tema entre os tres grupos "non era completo", revelando que "a PP e a PSOE non les chistaba moito a idea" e destacando que o BNG propoñía "un modelo ambicioso", cunha axencia que colaborase coa estatal.
A creación dunha Axencia Tributaria foi aprobada en Cataluña por PSC, ERC, ICV e CiU
Tal é como o estabeleceu o Estatut catalán, a Axencia Tributaria de Cataluña terá a responsabilidade da "xestión, recadación, liquidación e inspección de todos os tributos propios da Generalitat, así coma, a través de delegación do Estado, dos tributos estatais cedidos na súa totalidade á Generalitat". O proxecto foi precisamente unha das escusas utilizadas polo Partido Popular e polo Defensor del Pueblo para presentar recurso contra o Estatut diante do Tribunal Constitucional.
Até o último momento, as formacións que apoian o tripartito mantiveran aberta a negociación con CiU, que presentara diversas emendas ao proxecto de lei e en principio non estaba disposta a votar en favor do proxecto se non se producía diálogo ao respecto. A nova Axencia artellará o consorcio tributario pendente de estabelecerse entre o Estado español e o goberno catalán
Durante o proceso de debate sobre este proxecto de lei, algúns dos expertos que compareceron no propio Parlamento catalán propuxeron mecanismos que garantisen a plena independencia desta Axencia. Advertiron ao respecto, que por si soa non sería garantía dun control máis estreito sobre a fraude nin dunha mellora dos trámites para os contribuíntes. Xa que logo, unha das propostas na mesa en favor da independencia do ente é a da propia elección do presidente do organismo, que sería por cinco anos e por maioría cualificada no Parlament.