Só o Partido Popular e ICV apoiaron a emenda aprobada polo Senado que instaba a revisar a taxa que pretende compensar as entidades xestoras de dereitos de autor.
O Congreso dos Deputados rexeitou este xoves á tarde a emenda presentada no Senado para retirar a proposta de canon dixital. Só o Partido Popular e ICV votaron a favor da proposta do senador de Entesa Catalana de Progrès Jordi Guillot. O PSOE, CiU, IU e Chunta Aragonesista opuxéronse, mentres que o BNG, o PNV e ERC preferiron absterse.
Con esta votación, confírmase que os consumidores teremos que aboar as cantidades propostas esta semana polos ministerios de Cultura e Industria para compensar os autores fronte ao dereito á copia privada. O voceiro do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, xustificou a abstención en que "non é o momento de propoñer un tema tan complexo" e "haberá que estudalo con coidado, sen presión nin demagoxia".
Luz verde aos Presupostos
Tamén o Congreso conseguiu aprobar os Presupostos Xerais do Estado que foran vetados no Senado grazas aos 182 votos de PSOE, IU-ICV, PNV, BNG, Nueva Canarias, Chunta Aragonesista e o ex-deputado popular Joaquín Calomarde. Do outro lado, PP, CiU, ERC, CC, EA e Nafarroa Bai posicionáronse contra as contas estatais