As seleccións xogan o vindeiro 27 de decembro en Balaídos contra Camerún (os homes) e Cataluña (as mulleres). Para darlle pulo ao encontro, velaquí este concurso.
As bases todas do concurso atópanse na web de O Fútbol Galego Une, que ademais recolle todo sobre a festa do fútbol, que ha comezar en Vigo o 27 de decembro (ás 10:00 horas, cos partidos das seleccións inferiores, rematando ás 21:00 horas co partido da selección absoluta masculina).
Faltan quince días e a Dirección Xeral para o Deporte creou dous concursos para que todos os galegos poidan xogar un papel decisivo nestes partidos e ademais, poidan gañar unha camisola ou unha equipación completa de Galiza
Que é preciso para concursar?
Pode participar quen queira aportar algo de seu. Cadrando co aniversario do Himno Galego, Deporte convocou, por un lado, o concurso de lemas, no que o único requisito é que se mesture a paixón pola selección con elementos do himno de Pondal. Os tres mellores serán proxectados nas pantallas do Estadio de Balaídos durante os partidos das seleccións absolutas.
Tamén hai un outro concurso de fotografías, que deben recoller os mellores momentos o 27-D (os partidos das seleccións inferiores, o ambiente no campo ou nas bancadas, os actos parellos aos partidos...).
O Fútbol Galego Une
A páxina web www.ofutbolgalegoune.eu recolle toda a información sobre os encontros do 27 de decembro. Hai nela spots promocionais do evento, o calendario dos encontros, as listaxes de convocados e convocadas, a información para a reserva e venda de entradas a grupos -que aínda se poden conseguir, até esta quinta feira, día 13-, e todo o que queiras saber sobre a Festa do Fútbol que o 27 de decembro chegará a Vigo.