A conselleira presentou os partidos de Galiza para este Nadal e varios actos culturais que decorrerán de xeito paralelo.
A gran festa do fútbol galego. Así definiu esta cuarta feira a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, o proxecto que xa comezou a andar en novembro, coas concentracións dos equipos galegos de categorías inferiores, e que terminará o día 27 de decembro, cun programa moi completo e cos partidos de Galiza (a selección absoluta feminina e logo a masculina).
No estadio de Balaídos presentouse todo o proxecto de Cultura e Deporte, titulado O fútbol galego une, e acompañando a Bugallo estaban a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; o presidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Meana; e o tenente alcalde do Concello de Vigo, Santiago Domínguez; xunto con Mouriño, o presidente do Celta, que dixo estar moi contento por acoller o encontro de Galiza, tras os partidos en Compostela e na Coruña.
O fútbol galego une
Ánxela Bugallo lembrou que a festa do fútbol "vai estar amenizada por unha campaña denominada O fútbol galego une, porque sabemos que o fútbol é moito máis do que un partido. O fútbol son os axudantes limpando as botas, son os adestradores de base traballando con nenos e nenas cando remata a súa xornada laboral, son os directivos que ninguén coñece, son os pais e as nais que van levar os nenos a os adestramentos e aos partidos, son os sorrisos dos rapaces despois dun gol ou ben as bágoas despois dunha derrota... Por todo iso, consideramos este programa como unha homenaxe a todos eles e por iso esperamos contar con toda a sociedade galega o próximo día 27 de decembro en Balaídos".
Galiza vai xogar na "Casa do celtismo"
O tenente de alcalde de Vigo, Santiago Domínguez dixo, durante a presentación, sentirse moi orgulloso "de que a nosa selección poida amosarse na casa do celtismo, na nosa cidade... e estamos seguros de que en Balaídos imos vivir o espírito de país, da nosa terra".
Despregue informativo "vieiresco"
Dende Vieiros imos darlle unha importante cobertura ao encontro internacional de Galiza en Balaídos, do vindeiro 27 de decembro.
Para comezar, indicámosvos os prezos que van ter os billetes, (que xa se poden mercar) e un calendario dos partidos do 27 de decembro (que comezan ás 10:00 horas cos Sub-18 xogando contra Braga); todo en pdf máis abaixo.
Até daquela, está case todo listo para a gran festa do fútbol galego.