A Xunta incrementará ao 1% do PIB a inxección económica nos campus do país e ao tempo deseñará indicadores de "rendemento" cos que penalizar ou premiar as institucións.
"Deberá asegurar a solvencia económica das universidades para abordar ese proceso, ao tempo que potenciará o financiamento estrutural e investigación e a súa organización", indicaba este mércores a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, ao respecto da reformulación do vixente Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2005-2010. O novo marco, que se estenderá até 2013, márcase o obxectivo de superar o 1% do Produto Interior Bruto no ámbito do financiamento universitario. En cifras concretas, será un salto de 400 millóns de euros até unha cantidade de máis de 600 millóns.
A conselleira referiuse tamén á necesidade de estabelecer mecanismos de financiamento asociados a obxectivos e indicadores "de referencia". Na súa opinión, deben consolidarse principios de "calidade, eficiencia e rendemento de contas inherentes a todo servizo moderno e estratéxico". Na práctica, isto implicará que as tres institucións vaian competir por rabuñar máis fondos cada unha delas da saca pública en función dos criterios que se fixen para definir a súa "competitividade". A maior "eficiencia" significará máis cartos, e o fracaso en obxectivos implicaría penalizacións. Ao respecto, non será até o ano que vén cando un grupo de traballo integrado polas propias institucións e polas consellarías de Educación e Economía se reúna para negociar cales serán os criterios aplicábeis. A meta é que antes do verán de 2008 estea definido en detalle o novo modelo.
Segundo o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, o novo sistema supón unha "implicación" maior das universidades no "plan de país". "Fannos encargos e pídennos contas", sinalou en favor da reforma do financiamento universitario. "Queremos entrar en Europa", comentou sobre o mesmo tema o reitor da Universidade de Santiago, laiándose da tradicional falta de recursos nos campus para que "existindo uns retos, a estrutura docente-investigadora sexa capaz de ter éxito" e asegurando agardar que o novo plan vaia en beneficio das universidades. De igual xeito, o vicerreitor de Estratexia e Planificación Económica da Universidade da Coruña, Anxo Fernández, felicitou o punto de inflexión e opinou que "as universidades teñen os deberes feitos e os recursos estaban no límite do que se podía facer".