Desde o Comité Cidadán de Emerxencia recordan que dúas sentenzas xudiciais déronlle a razón aos veciños. O Supremo aínda non se pronunciou sobre os recursos.
A plataforma ferrolá contra a planta de Reganosa sae ao paso da recente licenza concedida á empresa e subliña que esa autorización "non legaliza a súa construción nin a súa actividade". Recordan que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu dúas sentenzas recoñecéndolle a razón aos veciños, que pediran a anulación de todo o proceso "por non ter o estudo de impacto ambiental". As sentenzas foron recorridas pola Xunta no Tribunal Supremo "e están pendente a súa resolución".
Por outra parte, os veciños sinalan ademais que a licenza definitiva de actividade é responsabilidade do propio Concello de Mugardos, e que de momento aínda non se concedeu. "Esperamos que no último acto o alcalde e o seu grupo de goberno sexan sensíbeis á legalidade e á xustiza social non concedéndolle esa licenza, polo menos até que se resolva o recurso", solicitan.
Carmelo Teixeiro, voceiro do Comité Cidadán de Emerxencia, CCE, considera que o dobre incumprimento de Reganosa: insuficientes distancias ás vivendas e déficit de saída ao mar dos buques en caso de emerxencia, son alegalidades abondo para xustificar o peche da planta na súa situación actual. "Poden pechar o problema mesmo sen terlle que pagar indemnizacións aos promotores", indica Teixeiro, para quen "coa lei na man, a planta de gas de Reganosa non pode entrar en funcionamento definitivo nin formar parte do sistema gasista".