Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na Comisión de Investigación da Cidade da Cultura

"Solidariedade" de Núñez Feijoo coa xestión irregular do Gaiás

Malia que hai meses recoñecera eivas no proxecto, o presidente do PPdeG centrouse este mércores na defensa do proxecto desde o seu inicio. De paso, aproveitou para queixarse de que non se autorizase unha comisión similar sobre a autovía do Barbanza.

Redacción - 12:19 07/11/2007

"Non formei parte do Padroado nin as obras pasaban pola vicepresidencia primeira da Xunta", recordou Alberte Núñez Feijoo entre as conclusións da súa intervención esta cuarta feira na comisión de investigación sobre a Cidade da Cultura. Recordaba así o actual líder do PPdeG, aínda sen mencionalo directamente, que a área de Cultura do daquela conselleiro Xesús Pérez Varela correspondíalle á coordinación do outro vicepresidente, Xosé Manuel Barreiro.

Malia ese asomo da vontade de poñer distancias, "se estivera aquí en calidade de ex vicepresidente a miña comparecencia duraría cinco minutos", Núñez Feijoo pechou filas coa xestión dos gobernos de Manuel Fraga e insistiu na súa confianza no éxito final do Gaiás. "Solidarízome co inicio e a execución do proxecto", subliñou, insistindo en que o informe do Consello de Contas "non incluíu en ningún momento as palabras irregular ou ilegal". Así, e malia que salientou que o PPdeG "foi o primeiro partido en solicitar a comisión" dubidou sobre a súa utilidade, afirmando que "é a primeira vez que unha comisión parlamentaria investiga o que xa estaba investigado".


Proposta de "consenso"


Por outra parte, o líder dos populares achegou un par de propostas, ofrecendo en primeiro lugar colaboración para "afinar e facer o máis atraínte posíbel" o proxecto desde o punto de vista dos seus contidos. Por outro lado, chamou a facer presión conxunta para conseguir que o goberno español se comprometa economicamente co proxecto. Recordou Feijoo ao respecto que obras como a do Foro das Culturas en Cataluña ou a Expo en Aragón contarán con importantes inxeccións económicas e pediu que desde Galiza se esixa a axuda ao despregue do Gaiás.



Na opinión de Feijoo, a Cidade da Cultura é unha aposta de dinamización cultural e á vez "unha aposta económica, de xeración de riqueza". "Un proxecto arriscado, pero que paga a pena", indicou, afirmando esperar que a comisión axude a que as dúbidas sobre a súa necesidade sexan "minoría" e os apoios "maioría".



Na súa intervención posterior, o presidente do PPdeG defendeu que o seu partido fose o único que "votou a favor de todas as comisións de investigación" nesta lexislatura, censurando que PSdeG e BNG negasen a creación dunha comisión para estudar a nova adxudicación da vía do Barbanza cun sobreprezo de 30 millóns de euros.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: