Entre a indiferenza, a arrogancia e mesmo a burla movéronse até o de agora os principais implicados comparecentes. Está por ver a vontade de colaboración do ex presidente.
Non resolveu demasiadas dúbidas polo de agora a comisión de investigación sobre a Cidade da Cultura e si deixou abertos un golpe de interrogantes novos. A recente intervención do ex conselleiro Xesús Pérez Varela é un bo exemplo de como está transcorrendo o foro parlamentario aberto ao respecto. Serve para poñer de manifesto e subliñar o cúmulo de irregularidades que ao fío do informe do Consello de Contas xa se coñecían, e mesmo abrollan fíos novos que afondan na gravidade do desbaldimento de recursos públicos.
O máximo responsábel desa etapa de goberno que promoveu as sombras que agora se investigan estará esta cuarta feira no Parlamento. Antes del estará o actual líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, quen foi vicepresidente no último treito de goberno de Fraga e a quen lle tocará tamén responder as preguntas dos deputados. A continuación, Manuel Fraga sentará diante da comisión para dar explicacións sobre un proxecto do que rexeita asumir calquera responsabilidade nas presuntas irregularidades. De feito, en datas recentes, o ex presidente insistiu unha vez máis en subliñar que o da Cidade da Cultura é unha das iniciativas das que está "especialmente orgulloso" con respecto á súa traxectoria no executivo, e mesmo comparou as críticas ao Gaiás coas que na súa opinión recibiron no seu momento a construción do mosteiro do Escorial ou o Pazo de Versalles.