A acusación pública considera que é preciso investigar con máis rigorosidade o caso.
Xosé Ramón Piñol, fiscal do TSXG, defendeu este martes a necesidade de investigar a fondo a xestión das obras da Cidade da Cultura. Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Piñol subliñou que é necesario aclarar legalmente o acontecido xa que detrás pode estar a maior fraude dos 26 anos de historia do Estatuto de Autonomía.
O fiscal do TSXG coida que a investigación do xulgado compostelán que acabou arquivando o caso foi pouco rigorosa. Por iso, lembrou que a acusación pública xa ten presentado un recurso para que se reabran as dilixencias e se analice detidamente se hai responsabilidades penais.
A primeira denuncia diante da Fiscalía foi unha iniciativa dunha dirixente da CIG, Mar Peteira. Segundo lle explicou esta sindicalista a Vieiros, é probábel que tamén presente un recurso contra o arquivo do caso. Mar Peteira cre que a última decisión do fiscal abre algunhas esperanzas. De todos os xeitos, tamén lembrou que nun primeiro momento xa houbo problemas para asignar o caso a un xulgado, debido á súa entidade e ás posíbeis implicacións de altos cargos.