O Tribunal Superior de Xustiza considera prematuro rexeitar que se investiguen as posíbeis responsabilidades penais do anterior Goberno.
A Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) decidiu este luns recorrer o auto xudicial que arquivaba a denuncia da CIG sobre as contas da Cidade da Cultura. A Fiscalía basea a súa decisión en que considera “prematuro” arquivar o caso sobre as posíbeis responsabilidades penais da obra do monte Gaiás.
O feito de que na documentación achegada na denuncia “aparezan datos máis que suficientes” levan á Fiscalía a crer que se ha de “desenvolver unha investigación profunda, seria e pormenorizada de moitos dos aspectos relativos á obra, a súa adxudicación e o gasto”.
O venres fixérase pública a decisión do Xulgado de Instrución número 2 de Santiago de arquivar o caso por considerar que non era constitutivo de delito a pesar de se teren detectado irregularidades. A petición presentáraa a CIG a consecuencia do informe negativo do Consello de Contas sobre a planificación do proxecto da Cidade da Cultura do anterior Goberno.