O sindicato decidirá o luns se presenta un recurso contra a decisión do xulgado compostelán.
O Xulgado de Instrución número 1 de Santiago decidiu arquivar a causa aberta pola CIG por irregularidades contábeis na Fundación Cidade da Cultura. A titular do xulgado, María Elena Fernández Currás, considera que a vía penal non é a axeitada para levar adiante o proceso, a pesar de que detectou irregularidades no informe do Consello de Contas en que se basea o sindicato.
Mar Peteira, dirixente da CIG que presentara a denuncia o 13 de agosto, anunciou en declaracións á Radio Galega que a executiva da forza sindical decidirá o luns se recorre a decisión xudicial e criticou o feito de que os xulgados non se quixesen "mollar no caso".
A Plataforma Cultura Si Mausoleo Non adiantouse á decisión da CIG, que dispón dun prazo de tres días, e pediulle á Fiscalía do TSXG que recorra o auto xudicial que arquiva a denuncia da xestión das obras da Cidade da Cultura, e opina que hai "razóns penais suficientes" para encausar os responsábeis políticos da xestión durante o goberno do PP.
Pola súa parte, o Partido Popular afirmou este sábado que o Goberno contratou tres directivos da Cidade da Cultura a pesar das irregularidades que advertira a Intervención Xeral da Xunta. Ademais, o PP advertiu que esta denuncia só é "a punta do iceberg" do que consideran "xestión anómala do bipartito".