O auto do conclúe que "o aforado non cobrou cantidades" en "concepto persoal", nin hai "indicio" de que coñecese os pagamentos.
O Tribunal Supremo decidiu arquivar a querela que a Fiscalía de Lugo presentara contra o ex presidente da Deputación de Lugo e senador do PP Francisco Cacharro Pardo, despois de determinar que non cobrou dietas irregulares, nin tiña "coñecemento da inxustiza" dos pagamentos que autorizou durante o seu mandato neste organismo.
Nun auto feito público este xoves, o alto tribunal estabelece que "nin o aforado cobrou cantidades en concepto persoal", nin "se pode dicir que, polo simple feito de asinar as ordes de pagamento, fiscalizadas pola intervención da Corporación (...), poidan atoparse indicios do coñecemento da inxustiza dos acordos ou dos pagamentos efectuados".
Na investigación da Fiscalía tamén se imputou ao interventor da Deputación de Lugo; aos vicepresidentes do órgano provincial Xosé Carlos Rodríguez Andina (ex alcalde de Ribadeo), Xulio Álvarez Núñez (reelixido alcalde de Quiroga) e Antonio Muíña Pena (reelixido alcalde de Friol); a deputada Fe Rodríguez Rocha (ex alcaldesa de Lourenzá); e o ex vicepresidente da Deputación Luís Rego Valcarce (ex rexedor de Mondoñedo).
Dietas por ir a Lugo
Segundo as investigacións, entre 2001 e 2004 recibiron dietas de diversas cantidades por acudir ao Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo. O fiscal entendeu que a percepción destas cantidades é ilegal porque os deputados non contaban con dedicación total ou parcial ás súas tarefas, de forma que só poderían cobrar pola súa asistencia efectiva ás sesións dos órganos colexiados ou polos gastos ocasionados por exercer as súas funcións.
Durante a súa declaración no alto tribunal, o avogado de Cacharro, o deputado do PP Xulio Padilla Carballada, afirmou que a imputación contra o seu cliente respondía a "unha interpretación equivocada da lexislación".