Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
De axudas de custo

O Supremo cita a Cacharro por presuntos pagamentos ilegais

Na investigación están tamén imputados varios alcaldes e ex alcaldes da provincia de Lugo, así como o interventor da Deputación.

Redacción - 17:15 14/06/2007
Cacharro Pardo

Cacharro Pardo

O Tribunal Supremo español citou para o vindeiro luns ao presidente en funcións da Deputación de Lugo e senador do PPdeG Francisco Cacharro Pardo para que declare como imputado polos supostos delitos de malversación de caudais públicos e falsidade documental en relación cun presunto aboamento ilegal de suplementos, segundo informan as axencias de noticias.

O Supremo admitiu a trámite o pasado mes de marzo a querela da Fiscalía de Lugo contra o presidente da Deputación Provincial. O alto tribunal do Estado declarouse competente para investigar esta querela, debido á condición de senador de Cacharro Pardo. Para este fin, designou como instrutor da causa o maxistrado Julián Sánchez Melgar.

Varios alcaldes imputados
Nunha conferencia de prensa, o pasado 23 de marzo, Cacharro Pardo expresou a súa intención de prestar declaración voluntaria ante o Supremo. A actuación xudicial contra Cacharro foi promovida polo anterior fiscal xefe da Audiencia Provincial de Lugo, Jesús María Izaguirre, ao entender que na Deputación lucense pagáranse axudas de custo de forma irregular a varios vicepresidentes e a algún deputado.

Os implicados polo agora fiscal xefe da audiencia provincial de Vitoria son os vicepresidentes Xosé Carlos Rodríguez Andina (ex alcalde de Ribadeo), Xullo Alvarez Núñez (alcalde de Quiroga) e Antonio Muiña (alcalde de Friol); o ex deputado Luís Rego (alcalde de Mondoñedo) e a deputada Fe Rodríguez (ex alcaldesa de Lourenzá). Tamén se imputa ao interventor provincial, Xosé Ferreiro.

No escrito de acusación do Ministerio Público constátase que se recolleron "unha grande cantidade de elementos de convicción" nos que se pon de manifesto que Cacharro Pardo, en calidade de presidente, "impartiu ordes e autorizou pagamentos ilegais".

"Gastos de desprazamento"
O fiscal fai especial fincapé na constatación de aboamentos de cantidades baixo o concepto de "asistencia ao despacho", circunstancia que considera ilegal. Apunta, ademais, que se procedeu "á determinación de días fixos de cobro, con total independencia, non xa da súa legalidade, senón de se, efectivamente, se cumpría algunha tarefa ou non, xa que non existía sistema algún de acreditación documental da actividade".

Segundo Cacharro, non se pagou nunca unha cantidade fixa por asistencia ao despacho, senón que se trata de percepcións por gastos de desprazamento, xa que todos os implicados polo fiscal residen en distintos puntos da provincia. Ademais, asegurou que non houbo ningunha irregularidade, e advertiu de que se continúan realizando pagos baixo o mesmo concepto que o actual obxecto de litixio.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: