Os problemas con Deporte, as posíbeis vinculacións políticas e a excesiva atención prestada a un só palista, en detrimento dos seus compañeiros poñen en dúbida a xestión da federación galega e mesmo da española.
Xa hai tempo que se fala do que se deu en chamar "divorcio" de David Cal e o seu adestrador, Xesús Morlán, con Deporte e coa Xunta de Galicia. Fálase de desencontros co director do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD), Telmo Silva; de falta de apoio por parte da Consellaría de Cultura e Deporte e da conselleira Ánxela Bugallo; de xeito concreto, o adestrador do palista queixouse da redución da bolsa de Cal e de que a el non lle pagasen nada: "chegamos a un acordo co anterior goberno da Xunta polo cal David conseguiría unha subvención de 18 mil euros e eu de 12 mil, pero a realidade é que co cambio político David só recibiu 11 mil e eu nada". De xeito paralelo á polémica, abrollan tamén factores políticos pouco coñecidos e relacionados coas filiacións políticas.
As posíbeis causas (I): "numerosos problemas" coa dirección do CGTD e coa Xunta
Na tarde da terza feira o adestrador de Cal, Xesús Morlán compareceu na sede de Turismo Rías Baixas, o patrocinador do palista, para aclarar o por que da súa marcha -está adestrando en Pontevedra, nas instalacións do Club Naval-, e da súa ruptura coa Xunta.
Cal non vai adestrar no CGTD nin na nova pista deportiva de Pontillón do Castro (Xeve-Verducido, Pontevedra), porque, segundo dixo Morlán, puxéronlles moitas "trabas" para realizar os adestramentos día a día, ou para usar o ximnasio, a sauna ou os hangares. Mesmo, segundo Morlán, chegaron a atopar as instalacións pechadas sen teren sido avisados.
Daquela -mes de xuño pasado-, o preparador decidiu marchar a Asturias, a adestrar no encoro de Trasona de cara ao Europeo e ao Mundial, e na súa comparecencia negou que esta decisión estivese relacionada co seu sistema de adestramentos habitual, como dixera naquela altura a Dirección Xeral para o Deporte. Para demostralo Morlán botou man dun documento de actividade, datado no 1 de decembro de 2006, no que se especificaba que o equipo estatal de canoa ía permanecer en Pontevedra concentrado todo ese tempo. El mentras, marchaba con Cal.
Outra das cousas que Morlán apuntou para faceren agora patentes esas desavinzas con Deporte foi a redución da bolsa de David Cal por parte da Xunta -dos 18 mil euros que, segundo eles, lles prometera a anterior conselleira, Pilar Rojo, aos 11 mil que lles deu Ánxela Bugallo-, e a non inclusión de Cal na listaxe de deportistas galegos de alto nivel, -publicada polo DOG do 10 de maio-, á que se refería ao tempo que admitía non ter solicitado entrar na convocatoria, xa que "nin David nin eu lemos o Diario Oficial de Galicia".
As posíbeis causas (II): as responsabilidades de Sanmamed
Hai xa tempo que os palistas galegos se veñen queixando dos postos de mando da Real Federación Española de Piragüismo (RFEP), mais sobre todo do seu presidente, o galego Santiago Sanmamed.
Vieiros falaba o pasado mes de agosto co canoísta meco Alfredo Bea, veterano palista internacional, que viña de remar no Campionato do Mundo de Duisburg (Alemaña), co seu compañeiro, David Mascato. No campionato a selección española non conseguiu nin un só dos obxectivos que tiña marcado. Só David Cal conseguiu praza olímpica; os demais non quedaron en moi boas posicións.
Bea aseguroulle naquela altura a Vieiros que despois dos Xogos Olímpicos de Atenas a dirección técnica da Federación Española de Piragüismo colleuna o propio presidente, Sanmamed, "sen ter unha titulación nin estar preparado. Adestraba quen el quería e como el quería... e errou en todo. El é o único culpábel destes pésimos resultados, e sei do que falo".
Bea e Mascato estiveron todo o ano a adestrar sós, a pesares de que lles ían mandar, segundo dixera a federación, un adestrador persoal, que se pagaba cos cartos das súas bolsas de deportistas. O adestrador nunca apareceu. O palista grovense dixo sentirse daquela e mesmo agora "só e abandonado", en detrimento "dun só palista" que si recibe toda a atención da federación. Os do pasado Mundial foron os peores resultados da selección de todos os tempos, e segundo el o único culpábel é Sanmamed e maila súa xestión.
En relación ás queixas de moitos palistas galegos, que viron reducidas as súas bolsas, Bea considera que parte da culpa foi da Federación Galega de Piragüismo, -que preside Modesto Tito Teixeiro Valledor-, xa que non conseguiu informar aos palistas a tempo para que entregasen toda a documentación para participar na selección de bolseiros. "Nós somos deportistas. O traballo administrativo deberan levalo dende a Federación", salientou Bea.
As "boas" relacións políticas do presidente da Federación Española de Piragüismo
Santiago Sanmamed é o presidente da Real Federación Española de Piragüismo, mais tamén é membro da executiva do PP de Pontevedra, na que acaba de entrar da man do seu presidente, Telmo Martín. Ademais é amigo persoal de Mariano Rajoy, e mantén moi boas relacións co presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, institución esta última á que se acostuman agradecer os éxitos de Cal.
Ademais, pode haber pegadas doutras vinculación políticas dos xestores do piragüismo en Galiza. Segundo publicaba nun seu artigo César Lorenzo Gil en A Nosa Terra, o pasado mes de xuño, -xusto antes do Campionato Europeo de Piragüismo en Augas Tranquilas, celebrado en Verducido-, o piragüismo en Galiza estivo vinculado no tempo do franquismo á OJE (Organización Juvenil Española), pertencente á Falange Española. Segundo conta Lorenzo, moitos dos presidentes dos clubes de piragüismo naquela altura mesmo andaban portando cadansúa pistola.
Aqueles tempos xa foron pasando, pero a ligazón entre o piragüismo galego e maila política mantívose.
As relacións das federacións española e galega con Deporte e coa Xunta non se caracterizan pola súa harmonía. Fontes da consellaría consideran que o modelo de xestión de Sanmamed, e mesmo de Modesto Tito Teixeiro Valledor, presidente da federación Galega, axéitanse a un determinado tipo deportivo-político da súa relación anterior cos diferentes gobernos do PPdeG.
O peso de Morlán na vida e obra de Cal
Outra das persoas ben criticadas dentro do piragüismo, unha das máis coñecidas e, por outro lado, tamén das máis admiradas é Xesús Morlán, o adestrador persoal de David Cal.
Segundo moitos palistas galegos, Morlán foi deixando o resto do equipo para dedicarse en exclusividade a adestrar a Cal. As dúas medallas que o palista de Aldán trouxo de Atenas son atribuídas por moita xente ao ben facer de Morlán, mais para outros o súa xestión deportiva é mesmo excesiva. Morlán é criticado por coller máis protagonismo que a persoa á que adestra.