Galiza leva os seus mellores piragüistas ao Campionato do Mundo de Duisburgo, dentro da selección estatal. David Cal levará a bandeirola.
Galiza conforma o grupo meirande da selección estatal en Alemaña, con nove palistas e tres técnicos. Todos van competir en Duisburgo, da cuarta feira até o domingo, por conseguir unha praza de seu nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008.
David Cal levará a bandeirola da selección española no Mundial e participará nas probas de C-1 500 e 1.000 metros. Con el estarán José Alfredo Bea e David Mascato (parella en C-2 1.000 metros); José Luis Bouza (C-2 500); Jaime Acuña e Borja Prieto (K-4 1.000 metros); Carlos Pérez Rial (K-1 500); e Teresa Portela e Sonia Molanes (K-4 500 metros).
Os técnicos galegos que van a Alemaña son Suso Morlán, director técnico do equipo de canoa e mulleres; Celestino García, axudante do grupo de canoa; e Rodrigo Tiebo, adestrador axudante do equipo de mulleres e fisioterapeuta.
O resto do equipo estatal...
... que viaxa a Alemaña está composto por cinco palistas asturianos, dous cataláns, dous da Castela-León, un andaluz e un vasco. Fóra do equipo palistas coma Pablo Baños (olímpico nos Xogos de Atenas 2004) debido a unha lesión, ou Beatriz Manchón, que está de baixa.