En declaracións á BBC, Francisco Chimoio di que Europa quere rematar coa poboación africana para colonizar o continente.
O arcebispo católico de Maputo (Mozambique) acusou os condóns fabricados en Europa de estaren infectados deliberadamente co virus da sida para exterminar a poboación africana. Francisco Chimoio tamén dixo nunha entrevista concedida á BBC que algúns medicamentos antirretrovirais están manipulados do mesmo xeito.
O relixioso mozambicano aplica de xeito radical a doutrina da igrexa católica de se opoñer ao uso do preservativo e recomendar como único xeito de previr a sida a fidelidade matrimonial e a abstinencia sexual. Os activistas antisida amosaron o seu anoxo polas declaracións do arcebispo, que tacharon de “parvadas”.
Nas súas declaracións, Chimoio di que “dous países europeos” son os que fabrican os condóns infectados, aínda que non quixo concretar cales eran. “Queren rematar cos africanos. Ese é o programa. Queren colonizalo até agora. Se non temos coidado desapareceremos nun século”. O 17,5% da poboación mozambicana é católica.
Visualizar o mapa ampliado