O delegado do goberno español en Galiza, Manuel Ameijeiras, ve similitudes entre este artefacto e os que estouraron nas obras do AVE, e di que "podería ter relación coa planta regasificadora".
"Están abertas todas as posibilidades", sinalou este martes á tarde o voceiro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, Carmelo Teixeiro, preguntado por Vieiros sobre a autoría da explosión en Mugardos.
Teixeiro comentou que os máis prexudicados son os veciños de Meá e eles mesmos, xa que o estoupido produciuse a trinta metros do local que o concello lles cede para as reunións.
Precisamente, a Plataforma de Veciños O Cruceiro de Meá manifestou publicamente a sú "enérxica condea ao atentado contra a seguridade dos veciños de Novás (Meá).
Teixeiro apuntou ademais, que "o que é case seguro é que o ataque non ía dirixido contra Reganosa, que está a 400 metros de alí e que seguro que nin sequera escoitaron a explosión".
Relación con Reganosa
Non o ten tan claro o delegado do goberno español en Galiza, Manuel Ameijeiras, quen sinalou que "podería ter relación coa planta regasificadora". Ademais, dixo que se apreciaban "similitudes" entre este artefacto e os que estouraron en datas pasadas nas obras do AVE.
No entanto, Ameijeiras asegurou que "de momento non se sabe a autoría" e que, xa que logo, "hai que ter en conta que as apariencias ás veces enganan e pódese estar querendo crear confusión coas reivindicacións lexítimas".
Un voceiro da Comandancia da Garda Civil na Coruña sinalou que "até dentro de dous ou tres días" non se coñecerá a composición exacta do explosivo, aínda que se baralla a posibilidade de que estivese composto por "pólvora de feira".
Entrega de sinaturas no Parlamento
Por outra banda, o Comité Cidadán -que tiña previsto manter unha xuntanza este martes a partir das 19.30 horas- entregou pola mañá 4.000 sinaturas no rexistro do Parlamento, solicitándolles aos grupos políticos que lle esixan á Xunta que abandone o accionariado de Reganosa.
Ademais, que lle pidan á Administración que retire os recursos contra as sentenzas do TSXG que anulaban o estudo de avaliación ambiental da planta.