"A pena capital debería aplicarse só a un extremadamente pequeno número de delincuentes", sinala o Tribunal Popular Supremo nun documento.
O 80% das execucións no mundo prodúcense na China
A máxima instancia xudicial chinesa ordenou que se relaxe a aplicación da pena de morte, e recomendou que todas as sentenzas inclúan un adiamento de dous anos, nun intento por reducir o número de execucións no país que acumula máis penas capitais que todo o resto do mundo xunto, e dentro dun marco de medidas que o goberno da República está a promover de cara ás Olimpíadas de Pequín 2008.
"A pena capital debería aplicarse só a un extremadamente pequeno número de delincuentes", sinala o documento do Tribunal Popular Supremo (TPS), informa o xornal oficial China Daily. O TPS defende ademais que, en casos de bo comportamento, a condena poderíase conmutar por penas de entre 15 a 20 anos.
Os "delitos pasionais" resultado de leas familiares ou de enfrontamentos entre veciños non deben acabar directamente cunha condena á morte, a condición de que os familiares da vítima reciban unha compensación económica, di o TPS.
80% do total mundial
En canto aos chamados delitos económicos, que en China tamén poden chegar a ser castigados coa morte, o Tribunal indica que a colaboración coa Xustiza, así como a devolución do diñeiro subtraído ilegalmente, deben servir como atenuantes á hora de ditar sentenza.
A semana pasada o vicepresidente do Tribunal Supremo chinés, Jiang Xingchang, afirmou que o número de condenas á morte se reduciu de xeito importante, despois de que a principios deste ano se decidise que só a máxima instancia xudicial, e non os tribunais locais, tivese a última palabra.
China non facilita o número real de axustizados cada ano, só o número de sentenciados a penas de cinco anos en diante (un total de 153.724 o ano pasado). Amnistía Internacional cifra as execucións, polo menos, en preto de 1.800 persoas (o 80% do total mundial).