"Os países que utilizan a pena de morte fano dunha forma inxusta, vulnerando as leis e normas internacionais. A pena de morte non é aceptable nunca, en ningún caso, e cada execución constitúe unha violación extrema do dereito á vida. E esta violación agrávase cando o Estado quita a vida a un ser humano por medio dun proceso xudicial inxusto". Así o denuncia Alberto Estévez, voceiro en Vigo de Amnistía Internacional. O colectivo está á fronte dun proxecto mundial integrado por máis de medio cento de asociacións, sindicatos e mesmo autoridades locais e rexionais, que escolleu para este 10 de outubro o lema "A pena de morte, un fracaso da xustiza".