Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMPAÑA DE AMNISTÍA INTERNACIONAL

Unha cita olímpica que agocha as continuas violacións aos dereitos humanos

Alén das propias denuncias que periodicamente os colectivos humanitarios realizan sobre as cancelas ás liberdades dos cidadáns en China, Amnistía Internacional vén de advertir dos abusos realizados no contorno da preparación dos Xogos Olímpicos de Beixín 2008. O encarcelamento de persoas que enviaran cartas ao COI pedindo melloras na situación dos dereitos humanos ou os desaloxos forzados e ilegais de vivendas debido á preparación das Olimpíadas, son algunhas das denuncias.

- 08:03 08/08/2005
Tags:

"Pedirémoslle ao Comité Olímpico Internacional e ao movemento olímpico en xeneral que traballen xunto cos nosos membros en todo o mundo en solidariedade cos activistas dos dereitos humanos de China para presionar a prol de reformas concretas e positivas da situación dos dereitos humanos en China antes de agosto de 2008", afirmou recentemente Catherine Baber voceira e directora adxunta do Programa para Asia e Oceanía de Amnistía Internacional, "Lamentablemente e malia as promesas do COI, seguen cometéndose violacións graves aos dereitos dos cidadáns", advertiu. O colectivo lembra que a propia Carta Olímpica cita entre os seus principios fundamentais que "o Olimpismo proponse crear un estilo de vida baseado na alegría do esforzo, o valor do bo exemploe o respecto polos principios éticos fundamentais universais".

Amnistía prometeu vixiar estreitamente os progresos de China neste ámbito nos próximos tres anos, e dirixiulle unha vez máis ao goberno chinés as súas peticións prioritarias: derrogar a pena de morte ; reformar o sistema xudicial, permitirlle aos cidadáns gozar de total liberdade de expresión e asociación; sacar do cárcere a todos os presos de conciencia e persoas levadas a prisión por exercer o seu dereito á liberdade de expresión en internet e noutros medios; xustiza para as vítimas da represión de Tiananmen de 1989 e fin dos desaloxamentos forzados.


Ligazóns

0/5 (0 votos)