Adega pregúntanse por que a consellaría non expropia terreos de interese público do mesmo xeito que o fai para favorecer intereses privados.
Sálvora vista dende Aguiño / Foto: Luís M. Bugallo
O Ministerio de Medio Ambiente anunciou a compra da illa de Sálvora por 8,5 millóns de euros. O terreo, que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, fora adquirido polo mesmo importe por Caixa Galicia ao seu propietario, o marqués de Revilla. O ministerio exerceu o dereito de retracto para devolver a illa ao patrimonio público.
O secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, criticou a pasividade da Administración do país á hora de facer pública a illa de Sálvora, situada á entrada da ría de Arousa: “Se houbese vontade, a Xunta tería iniciado un procedemento de adquisición por expropiación, retracto, ou outra modalidade”. Pero deixou que fose Caixa Galicia a que mercase a área protexida e que agora o ministerio faga o propio. “Estou certo de que a Consellaría de Medio Ambiente coñecía o propósito da caixa de adquirila. A intención da consellaría era aforrar os 8 millóns de euros”.
Tampouco lle pareceu correcto a Fins Eirexas o procedemento de devolución de Sálvora á titularidade pública. Para el, o ideal sería facer o mesmo ca con Cortegada, que a consellaría mercou por 1,8 millóns de euros. “A Administración ten todos os ases na man á hora de presionar os concellos e as empresas. Criticamos o agravio comparativo de trato a Caixa Galicia e ao marquesado, mentres non se cortan un pelo ao expropiar terreos para as obras do AVE”.
Investimento a medio prazo
Segundo Eirexas, tería sido “sanísimo” cortar a operación da caixa e expropiar a illa, para compensar dalgún xeito o que se lles fai aos pequenos propietarios para destinar os seus terreos á construción de infraestruturas ou mesmo a favor de intereses privados, como as piscifactorías. “Hai distintas varas de medir”, asegurou. Tamén lle resultou sospeitoso o feito de que a caixa mercase unha illa onde non se pode construír: “Non imos ser tan inxenuos para crer que Caixa Galicia o fixo de xeito filantrópico. Nun medio prazo, espazos protexidos poden deixar de selo, e as empresas sábeno. A Administración pode chegar a descatalogar terreos, como xa fixo no Courel, en Cabo Vilán ou no Suído para a especulación urbanística, industrial ou eólica”.
Adega preguntaralle ao conselleiro no próximo Consello Galego de Medio Ambiente, previsto para este mes, cal é a política da Administración do país na adquisición de terreos para a súa protección, como si está a facer o goberno español. Ademais, reclamará que se inclúan no Parque Nacional, ou polo menos se lle dea unha protección semellante, ás illas Sisargas: “Queremos saber cales son as intencións da Xunta coas Sisargas, se vai pasar como con Cortegada ou como con Sálvora”.
Visualizar o mapa ampliado