Logo dunha entrevista con Benigno López, Callón anunciou que vai pedir que o Parlamento tome medidas
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, mantivo este luns unha entrevista co Valedor do Pobo, Benigno López, para reclamarlle unha rectificación das declaracións que fixera cuestionando o uso do galego en diversos aspectos da vida diaria. O Valedor anunciou que non vai matizar as súas declaracións. Segundo López, foron os medios de comunicación os que terxiversaron as súas palabras, polo que non vai rectificar o dito.
Callón criticou a actitude de López: “Vese que ten tan interiorizados os prexuízos lingüísticos que nin sequera se decata de que os ten, porque na entrevista volveunos amosar, con respecto ao ensino, á xustiza, ao cine... Falou do perigo da imposición do galego. Ten unha visión distorsionada que non favorece o seu papel de defensor dos dereitos da cidadanía”.
O presidente da Mesa presentoulle varios informes, tanto de elaboración propia como doutros organismos, sobre a situación da lingua. Callón salientou un traballo do comité de ministros do Consello de Europa referido a aspectos como o ensino ou a xustiza e os incumprimentos dos dereitos lingüísticos por parte das institucións.
“Aínda que xa se tomaron medidas para corrixir a situación no ensino, segue a haber un incumprimento alarmante na xustiza, que segue igual que cando se redactou o informe. Non se garante o dereito a que se efectúen os trámites na lingua de uso do cidadán cando esa lingua é o galego”, explicou Callón a Vieiros.
Ademais de reclamarlle unha rectificación pública ao Valedor, Carlos Callón pediulle que actúe conforme ao seu cargo e que vele polos dereitos lingüísticos dos cidadáns. A Mesa anunciou que fará un seguimento das actuacións do Valedor e chamou á cidadanía para que denuncie os casos de vulneración dos dereitos lingüísticos perante Benigno López. Por outra banda, dixo que se lles solicitarán medidas aos tres grupos parlamentarios “para que solucionen este problema, por teren nomeado ese Valedor”.
Artigos de opinión relacionados: