Desde o Movemento polos Dereitos Civís ven a polémica estrea de Benigno López no cargo como un exemplo do ineficaz proceso de escolla empregado polo Parlamento.
"Non temos constancia do seu traballo previo polos dereitos cidadáns", sinalan desde o Movemento dos Dereitos Civís, MpDC, ao respecto de Benigno López. O colectivo ve con preocupación o futuro da institución e máis aínda nun momento en que o obxectivo debera ser reformala e facela gañar en protagonismo.
O MpDC é especialmente crítico co sistema para a elección do Valedor do Pobo. "Necesita algo máis ca un consenso entre as forzas políticas; necesita un consenso social que permita pór diante desta institución a persoas que sexan realmente sensíbeis cos dereitos da cidadanía", expoñen. Nese sentido, insisten en que un proceso de escolla máis rigoroso evitaría que gañasen o posto "figuras como a do señor Sande ou persoas que fagan declaracións como as do señor Benigno".
"Nula sintonía cos problemas lingüísticos de Galiza"
Así avalían a posición de Benigno López González despois das entrevistas publicadas pola prensa o pasado martes onde se recollían as súas polémicas opinións sobre a lingua. "Resulta moi complicado ter confianza na imparcialidade do Sr. Benigno e pensar que vai defender os dereitos lingüísticos recoñecidos na lexislación vixente", láianse no MpDC.
"Da súa intervención pódese extraer unha minusvalorización do galego que non lle permite visualizar como importante a defensa dos noso idioma". O colectivo agarda que iso non se traduza en demoras na aceptación e trámite das queixas que fagan referencia a este ámbito. Por isto, subliñan que se o novo Valedor se ratifica no dito, debería dimitir "por recoñecer implicitamente a súa incapacidade para actuar con obxectividade nos asuntos que se lle presenten".