Tamén nomea a Luciano Fariña, a Antonio López e a Pedro Puy como membros do Consello de Contas.
O Parlamento designou hoxe por unanimidade ao até agora maxistrado da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) Benigno López González como novo Valedor do Pobo, en substitución de José Ramón Vázquez Sande.
Na sesión plenaria de carácter extraordinario celebrada este martes, os deputados dos tres grupos tamén designaron aos novos membros do Consello de Contas; Antonio López (PSdeG), Luciano Fariña (PPdeG) e Pedro Puy Fraga (PPdeG), en substitución dos conselleiros Daniel Barata e Francisco Torres, xa que Fariña, actual conselleiro maior, conserva un posto no órgano de fiscalización.
O nomeamento de Benigno López recibiu o apoio unánime dos 69 deputados presentes; ao igual que Antonio López e Pedro Puy Fraga, mentres que Luciano Fariña obtivo 68 votos. Á votación de hoxe non asistiron os deputados Xosé Manuel Barreiro (PPdeG) e María Xosé Veiga Buxán (BNG), tras renunciar á acta de deputados autonómicos para exercer na Deputación de Lugo, escanos que son incompatíbeis.
Desencontros
A renovación do Valedor e do Consello de Contas prodúcese tras meses de desencontros entre os tres grupos parlamentarios, xa que non se poñían de acordo sobre qué partido debía designar aos seus membros no órgano fiscalizador. Os populares aceptaron, finalmente, cederlle un dos conselleiros ao PSdeG en función da repartición de representación tras as últimas eleccións.
Desta forma, o PPdeG pasará no Consello de Contas de tres a dous membros e os socialistas, dun a dous, mentres que os nacionalistas quedarán cun membro. Dos cinco actuais, repetirán tres: o actual conselleiro maior, Luciano Fariña Busto, e os conselleiros Joaquín Alvarez Corbacho (PSdeG) e Francisco Constenla Araujo (BNG). Os populares decidiron non renovar mandato a Barata e a Torres.
A partir de setembro, tanto o Valedor como o Consello de Contas designarán aos seus vicevaledores e ao conselleiro maior, respectivamente. Segundo as fontes consultadas por Europa Press, o BNG manterá como vicevaledor a Domingos Meiriño -vicevaledor segundo-, mentres que PPdeG e PSdeG, cambiarán aos seus; Antonio Pol -vicevaledor primeiro- e María Dolores Galovart -vicevaledora terceira-, respectivamente. Pola súa banda, o PSdeG impulsará a candidatura de Antonio López como conselleiro maior do Consello de Contas.