O secretario de Organización do PSOE asegura que antes de que remate o ano saberase cal é o trazado escollido
Xosé Blanco aproveitou unha visita a Lugo para reiterar que a autovia A-76 vai pasar por Monforte. O dirixente socialista coida que esta opción "articula mellor o país e dá resposta a máis cidadáns". Porén, dixo que o proxecto definitivo vai contemplar conexións coas localidades de Trives e Castro Caldelas.
Mobilizacións en Trives
Pola súa banda, a Plataforma pro-autovía A-76 está a desenvolver unha intensa actividade con numerosas mobilizacións. O pasado domingo convocaron a preto de 4.000 persoas para formar unha cadea humana que cubrise os 17 quilómetros de estrada entre A Pobra de Trives e Larouco.
A plataforma, constituída a finais de 2006, reclama que o trazado da futura autovía Ponferrada-Ourese entre en Galiza polas comarcas de Valdeorras e Terras de Trives, e non por Monforte, xa que segundo argumentan é necesaria para non illar aínda máis unha zona que perde poboación cada ano, e que "xa foi marxinada cando se construíu a N-120".