Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Do acontecido durante a ditadura militar

Solicítanlle axuda á Xunta para esclarecer a represión de galegos na Arxentina

Constituída en Galiza a Asociación para a Investigación dos Desaparecidos/as Galegos/as na Arxentina (Aidga), con sede central en Bos Aires.

Redacción - 14:00 22/08/2007
Logo de Aidga

Logo de Aidga

A Asociación para a Investigación dos Desaparecidos/as Galegos/as na Arxentina (Aidga) informa este luns na súa bitácora da constitución desta en Galiza. Aidga está constituída por familiares e amigos de desaparecidos galegos durante a última ditadura militar arxentina, superviventes e represaliados, así como por persoas que comparten os seus obxectivos.

Entre estes salientan "a recuperación da memoria dos galegos e dos seus familiares que foron vítimas do xenocidio en Arxentina, e o apoio aos xuízos que se desenvolven neste país, no Estado español e noutros lugares do mundo contra os responsábeis do xenocidio e o terrorismo de Estado", así como a implicación da Xunta e do Parlamento para que "pidan información sobre o paradoiro dos desaparecidos galegos e sobre a marcha dos procesos"

Financiamento dos procesos xudiciais
Segundo declaran dende Aidga, a anulación na Arxentina das leis de Obediencia Debida e Punto Final e os indultos "posibilitaron a apertura de xuízos contra os responsábeis e executores do terrorismo de estado implantado na última ditadura militar (1976-1983)".

Algúns destes procesos xudiciais en marcha requiren de financiamento (avogados, computadoras, desprazamentos e estancia de testemuñas e familiares de detidos desaparecidos, entre outras), polo que dende Aidga solicitan a cooperación das distintas administracións e asociacións do país.

Aidga conta co apoio da Asociación Argentinos en el Exterior-Movimiento Argentinos en el Exterior, do Comité Galego Bolivariano de Solidariedade, do Centro Galego Arxentino de Estudos Sindicais Antonio Soto, e do colectivo Justicia Ya.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: