Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Estabelece cinco niveis que se corresponden cos anteriores

O novo certificado de coñecemento do galego entrará en vigor en setembro

Publicouse no DOG a orde pola que se regulan os niveis de competencia do idioma e as probas para obtelos. Porén, varios colectivos manifestaron o seu rexeitamento a este sistema, por consideráreno "a perda dunha grande oportunidade".

Redacción - 11:00 31/07/2007

Segundo a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Celga substitúe os antigos cursos de Lingua Galega Oral e estrutúrase en cinco niveis. Nel abórdanse coñecementos estritamente lingüísticos (gramática, fonética, ortografía e léxico) e cuestións socioculturais. Quérese implantar un ensino de galego a adultos "dende un enfoque comunicativo, que permita aos candidatos demostraren as súas habilidades no uso, e non só no coñecemento do código".

As primeiras probas para a obtención do título terán lugar no último trimestre do ano, de xeito que as persoas interesadas poden presentarse ás probas dos catro primeiros niveis. O quinto queda para o 2008, e a partir desta faranse dúas convocatorias anuais de todos os niveis. Para desenvolver o cambio prímase a formación dos profesores: dende decembro do ano pasado realizáronse cinco cursos, e sumaranse tres antes de que remate o ano.

Equivalencias


Deste xeito, o certificado do Curso elemental de lingua e cultura galega para estranxeiros e non galego falantes impartido polas universidades e máis o certificado do nivel básico de estudos de Galego da UNED quedan asimilados ao Celga 1. O Celga 2 validará o título de graduado escolar, de estudarse toda a EXB en Galiza cursando Lingua en todos os cursos. Tamén o certificado do curso de nivel medio de lingua e cultura galegas para estranxeiros impartido polas universidades de Galiza e o nivel medio de galego da UNED.

O Certificado de Lingua Galega 3 corresponderase co grao en ESO ou técnico auxiliar (FP1), se se estudou en Galiza e cursando Lingua Galega en todos os cursos, e co certificado do ciclo inicial de galego das escolas oficiais de idiomas. No caso do Celga 4, validaranse o título de bacharelato (LOGSE ou BUP) ou técnico de FP2, e será equiparábel á certificación do Curso de especialización en lingua galega para profesores de EXB.

O último nivel de coñecemento, Celga 5, validará o título de licenciado en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección de galego-portugués), calquera outro título de licenciatura, diplomatura ou equivalente, sempre que se acompañe de certificación de que se cursaron, polo menos, 18 créditos de Lingua Galega, e se estea en posesión do Celga 4. Tamén será validábel polo Celga 5 o certificado do ciclo superior de galego, expedido polas escolas oficiais de idiomas.

Críticas

Varios colectivos a prol da lingua manifestaron o seu rexeitamento a este sistema, por consideráreno a perda dunha grande oportunidade. A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüística (CTNL), a Asociación Socio - Pedagóxica Galega (AS-PG) ou o profesorado das escolas de idiomas das cidades galegas criticaron que estas validacións "non garanten que os traballadores da Administración teñan o coñecemento do idioma necesario".

Afirman que o actual modelo perpetúa e consagra o anterior, de títulos de iniciación e perfeccionamento, non garante a competencia lingüística do persoal da Administración nin a motiva a seguirse formando, e polo tanto non garante que se cumpran os dereitos lingüísticos da cidadanía. Téntase "extrapolar a Galiza un sistema de validacións como o catalán, cando a realidade da adquisición de competencia lingüística no ensino nun e noutro caso é diametralmente oposta".


Ligazóns

3,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: