A plataforma ferrolá emprenderá accións xudiciais xa que considera que hai indicios dunha suposta "trama de intereses".
Xosé Antón Orza, nun segundo plano, canda o actual titular de Economía
O Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol anunciou que vai emprender accións xudiciais contra o ex presidente Manuel Fraga, o ex conselleiro de Economía, Xosé Antón Orza, e o empresario Roberto Tojeiro. A plataforma considera que hai indicios dunha “trama de intereses” detrás do emprazamento da planta de Reganosa en Mugardos.
O colectivo cre que que había un pacto secreto entre a Xunta, o Grupo Tojeiro, Unión Fenosa e Caixa Galicia. A presunta trama ten a súa orixe na ampliación da concesión marítimo-terrestre a Forestal do Atlántico, empresa do Grupo Tojeiro. Aínda que a decisión se tomou cun pretexto diferente, posteriormente situouse alí a polémica planta de gas.
Un ex conselleiro socio de Tojeiro
O Comité sinala que o ex conselleiro de Economía era socio de empresas do Grupo Tojeiro dende antes de acceder a postos de responsabilidade política. Dende o colectivo lembran que xa en 1996 o Consello de Contas criticou as axudas que a Consellería de Economía destinaba ás empresas do Grupo Tojeiro.