Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
COORDINADOR DA ÁREA DE TERMINOLOXÍA DA USC

“Quen estuda medicina en castelán non anda cun dicionario debaixo do brazo”

Xusto Rodríguez coordina a Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, o gabinete de maior dotación do país e tamén o meirande produtor de termos de especialidade.

Ana Salgado - 14:10 11/06/2007
Xusto Rodríguez Río

Xusto Rodríguez Río

Vieiros: Dedica boa parte da súa vida profesional e investigadora ao tema da terminoloxía. Cal considera que é hoxe, ben anos despois da publicación dos primeiros vocabularios, o seu interese?

Xusto Rodríguez Río: Segue sendo un campo relevante porque para a implantación do galego en determinadas áreas de especialidade un dos elementos máis salientábeis é o léxico especializado. Un dos argumentos en que se escudan os profesionais, que deberan ser os axentes do cambio lingüístico, é a inexistencia de vocabularios. Habería que ver se isto non é descoñecemento ou unha trincheira, porque nalgunhas áreas hai bastante traballo realizado.

V.: O Servizo de Normalización da USC adiantouse na dedicación ao traballo terminolóxico. Como valora, xa non a creación de termos, senón o seu espallamento?

X.R.R.: A capacidade de divulgación que ten o SNL da terminoloxía que elabora non vai máis alá dos medios ao seu alcance, inicialmente o papel e agora a rede. A capacidade de implantación da terminoloxía non depende tanto do proceso de elaboración como de medidas de política lingüística que fomenten o uso neses ámbitos, a través dos centros e dos departamentos. E isto depende hoxe en exceso do voluntarismo dos docentes.

V.: E cal considera que sería o medio estratéxico de difusión das propostas terminolóxicas? Penso, por exemplo, no asentamento dalgúns termos da linguaxe dos deportes espallados fundamentalmente a través da TVG.

X.R.R.: Facer terminoloxía, se non se consegue a súa difusión, non pasa de xogos florais. Pero para cada área de especialidade a divulgación debe ser diferente. Para ámbitos que podemos considerar máis comúns, o mencionado dos deportes ou a economía, os medios de comunicación teñen un papel fundamental. Se falamos de ámbitos máis especializados, como a terminoloxía informática, o seu medio de difusión prioritario debe ser o software localizado en galego.
Logo teriamos tamén o ámbito educativo. A xente que estuda medicina en castelán non anda cun dicionario debaixo do brazo, aprende os nomes dos músculos, das enfermidades, ao mesmo tempo que coñece a materia. Nisto tamén vemos a prioridade de empregar o galego como lingua vehicular na docencia.

V.: O produto estrela da área que vostede coordina, o Buscatermos, como xurdiu?

X.R.R.: Xurdiu ao constatarmos unha dificultade cotiá, buscar a denominación galega dos temos que nos ían aparecendo. Pasabamos horas de procura, coa intuición de que quizais xa existise o dicionario ou vocabulario que ofrecese unha solución; así creamos a primeira base de datos interna. Contiña os vocabularios que levabamos editados, outros que pedimos permiso para incluír, e quede aquí o agradecementos para os autores (nunca vocabularios recentes, non queremos competir co sector editorial). Amais están tamén as fichas terminolóxicas creadas para uso interno no Servizo de Normalización, coas que tiñamos dificultades para recuperar a información, ao estaren en papel. A área TIC da USC desenvolveu a interface.

V.: Polo Día das Letras o Buscatermos estivo en acceso libre durante dúas semanas. Consideraron a posibilidade de ampliar este tempo, ou de establecer algún sistema de subscrición que garanta o acceso e que permita seguir traballando?

X.R.R.: Si, o proxecto dun Buscatermos aberto é un desexo do SNL e entendo que tamén da USC. Agora mesmo a interface convida o usuario que non atope unha resposta a que remita un formulario. Podemos atendelo porque a comunidade de usuarios é reducida e traballa en áreas bastante específicas. Abrilo a toda a comunidade prevemos que desbordaría a nosa capacidade de traballo e tamén o servidor en que está agora mesmo. Ante o risco de ofrecermos un servizo deficiente ou de non atendermos axeitadamente a comunidade que é a nosa destinataria primeira, a da USC, tomamos a decisión de que fose de uso restrinxido. Pero está na nosa vontade contarmos cun Buscatemos aberto.

V.: Como valora o futuro do traballo terminolóxico logo do anuncio da vindeira posta en marcha do Consorcio de Terminoloxía feito desde a SXPL?

X.R.R.: A miña situación persoal é máis de expectación ca de optimismo. Hai dez
anos, cando se creou o Termigal, tiñamos a expectativa de que atendese a
aquelas áreas (elaboración de criterios, formación...) que sobardan as
capacidades dos diferentes servizos lingüísticos, que andamos máis centrados
na elaboración de dicionarios e vocabularios. E tamén de que fomentase a
creación efectiva dunha rede de traballo da que el fose o núcleo
coordinador. Na realidade, acabouse centrando fundamentalmente na produción
de termos, incluso con graves problemas de visibilidade dese traballo ao non
contar cun espazo na rede.
Se o Consorcio se vai converter simplemente noutro produtor de terminoloxía
penso que para esa viaxe non eran precisas tantas alforxas, pero se vai ser
unha entidade coordinadora que se ocupe de asumir o traballo que non podemos
realizar os servizos de normalización temos que darlle a benvida.


4,62/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: