Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Enquisa de condicións de vida das familias

Cada vez máis fogares teñen problemas para chegar a fin de mes

Os ingresos mensuais medios aumentaron lixeiramente entre o 2005 e o 2006, pero tamén medrou a porcentaxe de persoas por baixo do limiar de pobreza.

M. del Río - 08:00 06/06/2007

A situación económica dos fogares empeorou entre o ano 2005 e o 2006, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística. A enquisa de condicións de vida das familias, estruturada en provincias, amosa, ademais, un claro contraste entre a Galiza atlántica, máis rica, e a Galiza interior, con menores ingresos e a poboación máis avellentada.

Aínda que os ingresos mensuais medios por fogar aumentaron en todo o territorio, dunha media de 1.703 euros no 2005 a 1.793 no 2006, o número de familias que viven por debaixo do limiar da pobreza tamén medrou, o que tamén reflicte un incremento das desigualdades: hai máis cartos, pero están peor repartidos, pois o volume de xente desfavorecida é maior.

Se hai dous anos o 9,58% dos fogares do país se podían considerar pobres, o ano pasado pasaron a ser un 9,84. As peores condicións déronse en Ourense, onde se pasou dun 13,46 por cento ao 15,26. En Pontevedra aumentou dende o 8,34 até o 9,37. Da outra banda, na Coruña diminuíu lixeiramente, do 8,89 ao 8,51. En Lugo, o descenso foi máis pronunciado: de 10,69 por cento a 9,56, por debaixo da media do país.

Dificultades para rematar o mes
Onde si coinciden todas as familias galegas é na súa percepción de que a súa capacidade para chegaren a fin de mes empeorou no último ano. No 2005 afirmaban chegar con moita facilidade o 1,71%, con facilidade o 39,27, con dificultade o 45,48 e con moita dificultade o 13,54. Un ano despois, as familias moi favorecidas reducíronse até o 1,21% e as favorecidas ao 34,70. No outro extremo, pasaron a chegar a fin de mes con dificultade o 47,45%, e con moita dificultade o 16,64.

Por provincias, resulta curioso que as familias pontevedresas, seguidas das coruñesas, sexan as que aseguran chegar a fin de mes con máis dificultade, fronte ás de Lugo e Ourense. Así, no 2005, tiñan algún ou moitos problemas para rematar a mensualidade o 64,69 por cento dos pontevedreses, o 57,57 por cento dos coruñeses, o 55,94 dos ourensáns e o 53,04 dos lugueses. Un ano despois, as cifras aumentaron até o 67,29 por cento en Pontevedra, o 66,21 na Coruña, o 64,66 en Ourense e o 61,6 en Lugo.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: