Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No relatorio constituído na Cámara

O luns comezan as conversas para modificar o sistema do voto emigrante

PPdeG e PSdeG confórmanse con erradicar as malas prácticas dos comicios no exterior, mentres que o BNG vai pedir que se limite a participación dos residentes ausentes.

Redacción - 19:04 31/05/2007
Intervención de Carlos Aymerich, este xoves no Parlamento

Intervención de Carlos Aymerich, este xoves no Parlamento

PPdeG, PSdeG e BNG inician o vindeiro luns as conversas para tentar modificar o sistema de voto dos emigrantes e o Censo de Residentes Ausentes, CERA, co obxectivo de evitar posíbeis irregularidades na emisión das papeletas dos galegos que viven fóra do Estado.

Deste xeito, e tal como acordaron os tres grupos antes dos comicios municipais, o relatorio constituído na Cámara para tal efecto traballará durante todo o mes de xuño coa posibilidade, mesmo, de continuar durante xullo, que é un mes inhábil no Parlamento.

O relatorio está integrado polos populares Xosé Manuel Castelao Bragaña e Aurelio Miras Portugal, os socialistas Xaquín Fernández Leiceaga e Marisol Soneira e os nacionalistas Iago Tabarés e Carlos Aymerich.

Diferenzas substanciais

Malia perseguir o mesmo obxectivo, depurar o censo e corrixir a forma de voto dos emigrantes, hai diferenzas substanciais entre eles. Así, mentres ao PPdeG e ao PSdeG chégalles con modificar as malas prácticas do voto exterior, o BNG vai máis alá e reclama a limitación da participación dos residentes ausentes nos procesos electorais.

"Nós queremos que se manteñan os dereitos que xa están outorgados e que haxa transparencia no voto", sinalou Castelao Bragaña. No mesmo senso manifestouse o voceiro do PSdeG na Cámara, Ismael Rego, quen precisou que a "prioridade principal" é reformar a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeneral, LOREX, depurar os censos, e propiciar o voto en urna "onde sexa posíbel" ou, en todo caso, "mellorar" o sistema de voto por correo.

"Nós queremos que se vaia máis alá e se analice tamén quen pode votar", precisou o nacionalista Carlos Aymerich. Por iso, reclamou que se "depuren os censos" para evitar que un emigrante poida votar en dous países.

Antes das eleccións xerais

Ademais, o nacionalista advertiu de que as resolucións da comisión teñen que estar listas para que sexan aprobadas polo parlamento español antes da súa disolución, e poder, deste xeito, entrar en vigor para as vindeiras xerais de 2008.

"A prioridade é cambiar o sistema de voto, mais non queremos que por unhas cousas se deixen sen facer outras", respondeulle Rego, quen apostou por realizar estas reformas "canto antes", aínda que recoñeceu que poden non chegar a tempo para as eleccións xerais.

Tamén Castelao Bragaña se amosou pesimista a este respecto. "Como moito, os cambios chegarán para as próximas autonómicas, pero para as xerais é moi difícil", indicou.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: