Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Porén, coinciden na necesidade de reformar a lei

PSdeG e BNG discrepan sobre o sufraxio emigrante nas eleccións galegas

Rego considera que "non sería lóxico" a súa exclusión, mentres que Iago Tabarés cualifica de "valentes" e de "punto de partida" as manifestacións de Xosé Blanco ao respecto.

FAA - 11:17 26/04/2007
Iago Tabarés e Ismael Rego

Iago Tabarés e Ismael Rego

As declaracións realizadas polo secretario de organización do PSOE, Xosé Blanco, nas que propoñía limitar a participación dos emigrantes ás eleccións xerais puxeron sobre a mesa un novo elemento de debate no, xa polémico de seu, asunto do dereito ao voto dos residentes ausentes.

O presidente do Goberno e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, saíu ao paso das manifestacións de Blanco, cualificándoas de "reflexión persoal". Porén, dende o BNG, o seu portavoz de emigración, Iago Tabarés, non pensa o mesmo e, ademais, valóraas moi positivamente: "É evidente que Xosé Blanco non fala a título persoal, senón como secretario de Organización do PSOE". De calquera xeito, afirma que "se trata dun importante punto de partida para o debate".

Reforma da lei electoral

Segundo Tabarés, cómpre abordar unha reforma inmediata neste eido. "Os inscritos no Censo de Residentes Ausentes (CERA) andan preto dos 320.000 e, en pouco tempo, poden chegar aos 500.000; debemos regulamentar mellor a súa forma de participación". Ademais, salienta a peculiaridade dos comicios municipais, debido a que existen concellos con máis da metade do seu censo residindo no exterior e sen vinculación algunha con estes.

Neste punto coincide o voceiro dos socialistas no Parlamento, Ismael Rego, mais con matices: "Somos favorábeis a estabelecer cambios na lei electoral, non nos opoñemos a este debate, mais sempre e cando as reformas non camiñen cara a limitación dos dereitos dos emigrantes; cómpre enriquecelos, non empobrecelos".

Participación nas autonómicas

Porén, malia que ambos grupos coinciden plenamente na necesidade de ponderar a posibilidade de que os residentes ausentes non participen nas eleccións municipais, e si que o fagan nas xerais, as discrepancias son maiores no caso das autonómicas.

Mentres que Tabarés considera que, dado que é o goberno español o que ten as competencias exclusivas en materia de emigración e inmigración, "os residentes no estranxeiro teñen que decidir naquelas políticas que lles afectan directamente", Ismael Rego afirma que a exclusión dos emigrantes das eleccións autonómicas "non sería lóxico", aínda que matiza que "tampouco debemos permitir que a protección dos dereitos destes electores interrompa no bo funcionamento das institucións democráticas".

Gran acordo parlamentario
Ambos representantes das forzas políticas que comparten o Goberno consideran que cómpre un "gran acordo" no Parlamento que garanta a legalidade plena do voto emigrante, en urna e, como mínimo, coa mesma transparencia coa que se realiza na Galiza peninsular. "Hai que pensar en crear unha circunscrición específica", sinala Rego, mentres que Tabarés incide na necesidade dun maior control das campañas electorais no exterior.


4,4/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: