Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
LEMBRAN QUE AS NORMAS ANTERIORES NON SE CUMPRIRON

Os ecoloxistas dubidan da eficacia real da lei dos 500 metros

ADEGA, Verdegaia e Salvemos Pontevedra felicitan á Xunta pero esixen medidas concretas contra os "feitos consumados"

Manuel Vilas - 14:10 09/05/2007

Parabéns iniciais ao bipartito pero moitas dúbidas sobre a eficacia real da iniciativa. Así pode resumirse o estado de ánimo dos ecoloxistas galegos tras a aprobación onte no Parlamento da Lei que prohibe cautelarmente construír a 500 metros da costa.

Non é dabondo e somos escépticos” indica o secretario executivo de ADEGA, Fins Eirexas. ADEGA lembra que os municipios incumpriron “continuamente” a Lei do Solo -aprobada polo PP e que fixaban un límite de 400 metros- sen que a Xunta fixese nada por evitalo.

ADEGA recela dos concellos
Por iso ADEGA pide que o texto aprobado onte sexa un “primeiro chanzo” para quitarlle aos concellos as competencias sobre costas. “Un municipio non pode ter máis competencias sobre a paisaxe do litoral que a Xunta”, argumenta Eirexas.

A organización reclama ao bipartito que antes de fin de ano aprobe dúas leis -a da Paisaxe e a de Protección de Litoral- que acaben coas prácticas de feitos consumados, en referencia ás construcións que, malia non ter permiso da Xunta, érguense co prace municipal e que finalmente non son derrubadas.

Salvemos Pontevedra fala de "cortina de fume"
Máis crítico móstrase Francisco Díaz, presidente de Salvemos Pontevedra, a asociación que denunciou, entre outras construcións, os chalés da xefa de Costas en Pontevedra e da Conselleira de Pesca. Para Díaz a nova Lei non sería necesaria se a Xunta cumprise coa lexislación previa.

Por iso cualifica a nova lexislación de “cortina de fume” e sinala que “unha cousa é a literatura e outra ben diferente son as actuacións concretas”. Malia todo, Díaz admite que é positivo que se aproben leis en defensa do litoral.

Verdegaia critica os 6 meses de prazo
Dende Verdegaia, Xan Duro cualifica de "moi positiva e interesante" a Lei. Iso si, matiza que "chega tarde" e critica que se anunciase con seis meses de antelación. Duro explica que moitos concellos aproveitaron este tempo para axilizar licenzas, polo que "en moitos casos a desfeita xa non ten marcha atrás".


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: