O Parlamento aproba o texto que suspenderá transitoriamente as construcións a menos de medio quilómetro da liña litoral.
A Cámara deulle o visto e prace á Lei de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral do país cos votos en contra dos representantes do Partido Popular. O aspecto máis coñecido da lei, que pretende salvagardar o futuro da costa galega, é a suspensión cautelar da construción a menos de 500 metros da liña litoral.
A conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, defendeu a idoneidade do texto, do que afirmou que aspira a acadar un país sen feísmo nin marbellización. Tamén asegurou que pretende compaxinar o desenvolvemento económico co respecto ao patrimonio galego.
O texto legal suspende de xeito transitorio os novos desenvolvementos urbanísticos na franxa de 500 metros do litoral, agás as zonas de solo urbano consolidado, polo que a prohibición afecta a 3.000 hectáreas, o que supón o 13% do solo urbanizábel dos municipios costeiros e o 1% de toda Galiza.
Outras medidas
Acórdase, ademais, crear o Instituto Galego de Estudos do Territorio, que asesorará os concellos na elaboración dos seus plans. Será un organismo autónomo de carácter administrativo.
A Xunta resérvase a posibilidade de empregar os plans de incidencia supramunicipal para promover vivendas protexidas. Por outra banda, permitiranse construír infraestruturas de produción de enerxía renovábel en solo rústico e aceleraranse os procesos de planeamento dos concellos integrando os procedementos de avaliación ambiental estratéxica e de redacción.
A lei afectaralles a todos os concellos costeiros agás o da Pobra do Caramiñal, en total 86 en todo o país, e estará vixente até que os gobernos municipais adapten os seus planeamentos á normativa ou até que entre en vigor o Plan de Ordenación do Litoral.
Para facilitar a adaptación dos planos, a consellaría axudará aos concellos con 39 millóns de euros en cinco anos, cubrindo do 80 ao 100% do custo, segundo o número de habitantes.