Máis de medio cento de policías bloquearon desde primeira hora da mañá o peirao ferrolán para que as lanchas non puidesen saír á ría.
Algúns mariñeiros trataron de acceder ás embarcacións desde zonas do porto onde había menor presenza policial, pero unha patrulleira da Garda Civil bloqueoulles a saída da dársena ferrolá.
A intervención policial impediu que os mariscadores puidesen frear unha vez máis o acceso do 'Galicia Spirit'. Aproveitando a preamar, arredor das 9h45, o buque fixo as manobras de entrada á planta de Reganosa. Nesta altura da mañá o buque propiedade de Unión Fenosa e con carga de gas natural licuado, conseguiu entrarxa en Reganosa no que foi o seu quinto intento para lograr acceder á planta de Mugardos, segundo lle confirmaron a Europa Press fontes da regasificadora.
Desde o Comité de Emerxencia denuncian o uso da forza para evitar a entrada dun buque que "vai ameazar a vida da poboación" e avanzan que presentarán denuncia contra a autorización concedida polo delegado do goberno español, Manuel Ameijeiras, ademais de pediren a súa dimisión pola carga policial ordenada na mañá deste mércores.
Dispositivo
Testemuñas presenciais relatáronlle a Vieiros a magnitude do despregue policial. Tal e como anunciara o delegado do goberno español en Galiza, Manuel Ameijeiras, as forzas de seguridade tomaron Ferrol dende primeira hora da mañá. Aos once furgóns de antidisturbios en terra, sumáronse dúas patrulleiras da Garda Civil e un helicóptero.
Desde o Comité Cidadán de Emerxencia, Alexandre Carrodeguas envíanos este artigo:
A ría é nosa e non de Reganosa
O comité de emerxencia cos bravos mariscadores ao fronte está loitando duramente pola defensa da vida e da legalidade na ria de Ferrol. Mentres, as autoridades en vez de defender a ría de Ferrol e a seguridade dos habitantes do seu contorno están a defender a "cacicada" promovida por Fraga e Tojeiro. En Ferrol xa hai un porto exterior e estase a construír outro na Coruña. Mais Tojeiro, ao que algúns confundidos chaman Toxeiro, impuxo facelo nos seus terreos de Forestal de Atlántico, na súa leira do interior da ría e fronte a unha base militar, o Arsenal de Ferrol.
Como se pode defender unha planta de Gas situada dentro duna ría como a de Ferrol, que non cumpre cos protocolos de seguridade, na que un gaseiro só pode entrar en preamar e en caso de emerxencia o barco quedaría atrapado e sin poder saír a mar aberto?
Está política de feitos consumados é asumida polo BNG e polo PSOE que en vez de parar esta barbarie súmanse alegremente á defensa de intereses espúreos. Súmanse á defensa dunha planta inviable desde os puntos de vista económico e medioambiental. Eles saben que a planta ten anulada a tramitación ambiental por dúas sentenzas do TSXG, Eles saben que non se cumpren as distancia de seguridade, Eles saben que os verquidos de Raganosa van afectar a ría. E sin embargo en vez de estar cos veciños, a vida e a legalidade,están aliados a presuntos "intereses" seica estratexicos que só benefician a uns poucos, a Tojeiro e as grandes eléctricas, Endesa e Fenoso, que tanto dano teñen feito a este país...
Por que estes partidos defenden o traslado de Ence e por outro lado apoian a instalación de Reganosa na ría de Ferrol? Os cidadáns de Ferrolterra non teñen dereito tamén a ter unha ría con vida e sen perigo ao pe da porta?
Facemos un chamamento a cidadanía galega a loitar pola vida, a legalidade e a ría de Ferrol