Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cuarta xornada de folga

Os traballadores do naval ocupan a Delegación de Facenda en Vigo

Os sindicatos denuncian que "unha gran maioría" das empresas do sector defraudan, xa que pagan as horas extra en 'negro' e disfrazan como dietas outras cantidades.

FAA - 11:25 08/05/2007
Manifestación desta terza na Delegación de Facenda

Manifestación desta terza na Delegación de Facenda

Unha xornada máis, a cuarta dende que se convocou a folga indefinida a pasada semana, miles de traballadores do metal no naval vigués saíron á rúa para protestaren polo incumprimento do seu convenio laboral.

Desta volta, ademais de provocar cortes de tráfico en diversos puntos do centro de Vigo como a Rúa Coruña ou a Praza de América, os operarios accederon ao interior da Delegación de Facenda na cidade, coa intención de permaneceren nela "todo o día ou incluso máis horas", segundo sinalaron fontes sindicais.

"Con esta actuación pretendemos denunciar que as empresas do sector, nunha gran maioría, defraudan á facenda pública", sinalou Vítor García, responsábel da CIG-Metal. "Moitas non cumpren coa Seguridade Social nin cos traballadores; pagan as horas extra en 'negro', e outras cantidades disfrázanas como dietas para non ter que pagar impostos", dixo.

Actitude da patronal inédita

García asegura que a actitude da patronal é inédita, e que esta quere levar o problema ao terreo político. "Con conflitos moito máis ásperos, no pasado nunca se negaran a se sentar para negociar", comenta, e engade que isto é debido a que "ao Goberno afín do PP, non lle podían facer o feo de rexeitar unha invitación ao diálogo, tal e como llo están a facer desta volta á Administración actual".

Ademais, asegura que lle consta que dende a Delegación de Traballo estase a facer "todo o posíbel" por sentar á mesa a todos os axentes sociais. Así o confirman dende a consellaría: "Estamos a facer todos o esforzos e a centrar as nosas xestións en que haxa unha negociación; pola nosa parte a mesa de diálogo está aberta".

Por outra banda, os sindicatos asumen o anuncio da perda de "polo menos catro contratos" debido á folga, segundo informaron este luns os empresarios, como unha medida de presión para pór á xente contra nós. Neste senso, critican a actitude dalgúns medios de comunicación que se centran en informar sobre os aspectos máis espectaculares da folga, tal como a queima de contedores de lixo, e obvian o problema de fondo.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: