Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CIG desmárcase das convocatorias de CCOO - UGT

Manifestacións separadas no 1 de maio

Por unha parte CCOO e UGT realizan unha manifestación conxunta baixo o lema 'Pola igualdade, emprego de calidade'. A CIG, pola súa banda, encabeza as mobilizacións con "Non ao recorte das prestacións sociais'.

LRL / Axencias - 15:08 01/05/2007
A faixa da CIG en Compostela

A faixa da CIG en Compostela

En Compostela, a manifestación máis numerosa foi a encabezada pola CIG, que saíu da Praza Roxa ás 12.30 e rematou no Toural, case unha hora máis tarde. Na mobilización participaron unhas mil persoas de diversos sectores: dende a CIG-Ensino, reclamando a xornada intensiva, até os traballadores da mina de Serrabal, afectados polo trazado do Tren de Alta Velocidade, ou as traballadoras do fogar do colectivo Xiara, un dos sectores máis afectados pola precariedade. A pancarta principal portaba o lema “Contra os recortes no sistema de protección social”. A seguir, protagonizou a marcha, noutra pancarta, o lema "Galiza nación, autodeterminación", o máis escoitado nas consignas. Anxo Noceda, secretario comarcal, leu o manifesto na Praza do Toural.

Mentres, CCOO e UGT partiron nunha protesta conxunta dende a Praza de Praterías baixo o lema 'Pola igualdade. Emprego de calidade'. A secretaria xeral da Unión Comarcal de CCOO de Compostela, Conchi Trasande, destacou a "contradición" entre a baixada do paro e o aumento da precariedade laboral "especialmente entre as mulleres e os emigrantes", e o secretario xeral de UGT de Santiago, Antonio García, referendou as declaracións de CCOO en canto aos índices de desemprego e desigualdade. Remataron o acto cantando A Internacional e o Himno Galego. Mentres, a CNT daba un mítin na Sala Yago, que comenzou en torno ás 12.30.

Na Coruña, solidariedade cos traballadores de Atento

Na Coruña José Lado Lestón, secretario comarcal de CCOO, sinalou que "coa manifestación conxunta de CCOO e UGT" nesta ocasión baixo o lema 'Pola igualdade, emprego de calidade: contra a deslocalización', mobilízanse contra "a deslocalización, o peche de empresas e o despedimento masivo de traballadores". Abonda lembrar os conflitos a raíz dos despedimentos da empresa Atento nesta cidade.

Mentres, o secretario comarcal da CIG, Paulo Carril, afirmou asistimos a un "proceso de recorte progresivo dos dereitos sociais a través das sucesivas reformas laborais que CC OO, UGT, a patronal e o goberno están a asinar". Salientou a preocupación pola "situación que viven os traballadores de Henkel, Atento, os afectados polo porto exterior, os traballadores da industria auxiliar do carbón, os que sofren a incerteza por non haber un plan industrial de futuro para a fábrica de armas e os afectados polo trazado da Ave en Serrabal (...) Son importantes conflitos nos que o Goberno do PSOE non pode quedar á marxe".

Pontevedra: Ence segue a centrar a polémica

CCOO e CIG convocaron as súas propias manifestacións na praza da Ferraría con media hora de diferenza entre unha e outra, e a UGT organizou unha caravana de vehículos coa que percorreron varios municipios.

A Lei de Dependencia, a reforma laboral ou a Lei de Contratación na Construción foron eloxiadas polos tres sindicatos, aínda que tamén pronunciaron as súas demandas: José Luis García Pedrosa, de CCOO, criticou que na bisbarra de Pontevedra "faise unha política distinta a de Estado e a Xunta", en alusión ao goberno municipal e os conflitos laborais existentes nas empresas Ence e Elnosa.

Mentres, o responsábel comarcal de CIG, Rafael Iglesias, cualificou CCOO como un "sindicatiño malo que non representa os traballadores" e afirmou que "non ten perspectivas de futuro". En canto ás campañas deste sindicato polos traballadores de Ence e Elnosa, Rafael Iglesias afirmou que están "teledirixidas polas empresas".

Tres manifestacións en Vigo

Unhas 10.000 percorreron as rúas da cidade olívica: a máis numerosa foi a impulsada pola CIG, baixo o lema 'Non aos recortes na protección social'. O secretario xeral do sindicato nacionalista, Xesús Seixo, leu o manifesto na Porta do Sol e centrouno nas críticas á reforma laboral pactada entre Goberno e UGT e CC OO por considerar que supón "recortes nas prestacións sociais dos traballadores". Tamén recordou o conflito xurdido no sector do metal.

Mentres, a manifestación convocada por CCOO e UGT percorreu o centro da cidade até a explanada do Edificio Administrativo da Xunta. Xan María Castro, máximo responsable de CCOO, fixo mención aos "déficits pendentes na loita sindical relacionados coas mulleres, os mozos e os inmigrantes", e lamentou que a CIG decidise manifestarse en solitario.

Houbo unha terceira manifestación, secundada pola CUT e a CGT, que congregou uns 500 traballadores. A xornada desenvolveuse sen incidentes, non sendo pintadas nalgúns edificios que albergaban comercios do grupo Inditex.

Homenaxe a Pablo Iglesias en Ferrol

Os actos na cidade comezaron cunha ofrenda floral ante o monolito de Pablo Iglesias no Cantón de Molíns, realizada por UXT e PSOE ás 11.00. Unhas mil persoas secundaron esta manifestación, que seguiu polo Inferniño e o centro urbano até a Praza de Armas. Julio Abelleira, secretario comarcal de CC OO, incidiu sobre todo na precariedade laboral que viven os máis mozos.

A manifestación da CIG, cunha cantidade de xente semellante, partiu ás 12.00 horas do local social do sindicato e finalizou as 12.30 no Cantón de Molíns. As dúas pancartas centrais resaltaban os lemas 'Contra os recortes non sistema de protección social' e 'Galiza nación, autodeterminación''. O secretario comarcal, Xesús Anxo López Pintos, incidiu nas problemáticas laborais da área ferrolá: os traballadores das empresas auxiliares das minas de Endesa en Ás Pontes e de Limeisa en Meira, afectados polo peche previsto para finais de ano, ou os operarios de Celta Prix, concesionaria do servizo de limpeza de Cedeira, afectados por plans de redución de persoal.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: