Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
MIL EMPREGOS PENDEN DUN FÍO NA CORUÑA

Haberá máis despedimentos en Atento pero non un ERE

Os traballadores preparan unha folga e piden axuda á Xunta. A empresa detén as negociacións pola filtración dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE).

Manuel Vilas - 16:40 10/04/2007
Mobilización na Coruña / Foto: CIG

Mobilización na Coruña / Foto: CIG

Un voceiro de Atento asegurou a Vieiros que a empresa non presentará en breve un Expediente de Regulación de Emprego (ERE), como se adiantara. Porén, informaron que a empresa vai seguir negociando “a nivel estatal e ao durante todo este ano” unha redución do cadro do persoal.

As mesmas fontes non quixeron pronunciarse sobre se esta redución afectaría ao milleiro de traballadores que quedan na Coruña. Iso si, insistiron que as mobilizacións na cidade herculina están prexudicando o funcionamento da operadora en Galiza e a imaxe do grupo.

Folga e manifestación
Esta mañá celebrouse unha reunión entre directivos de Atento e representantes sindicais en Madrid. A empresa rompeu o diálogo cos traballadores, alegando “falta de confianza” cos interlocutores pola filtración do ERE aos medios.

A vicepresidenta do Comité da Empresa na Coruña, Mónica Díez, cre que á empresa non lle interesa presentar un ERE, pois isto obrigaríalle a xustificar os despidos diante da administración. Segundo esta representante da CIG, Atento prefire ir reducindo o cadro de persoal pouco a pouco, alegando caídas da carga de traballo.

Os traballadores anunciaron unha folga e manifestación de protesta para o próximo luns 16 de abril. Tamén pediron a intervención do conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e do de Industria, Fernando Blanco.

Atento medra en Sudamérica
Este foi precisamente o motivo esgrimido pola empresa no recente despedimento de máis de 360 persoas, unhas 180 na cidade herculina. Estes despedimentos foron recorridos polos sindicatos ante a Xustiza.

A orixe deste conflito é o traslado da actividade de Atento a Sudamérica. De feito, a compañía segue a contratar teleoperadores neste continente mentres se desfai de empregados no estado español.

Atento xestiona, entre outros servizos, a atención ao cliente de Telefónica, que é o seu accionista de referencia.


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: