Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Europarlamento bota adiante a nova lexislación

Os buques monocasco non poderán entrar en portos europeos

Independentemente da bandeira que teñan, só os buques con dobre casco poderán acceder. É parte das novas normas de seguridade marítima.

Redacción - 11:30 30/04/2007

"Con este regulamento, que entrará en funcionamento en poucas semanas en todos os estados da Unión Europea, dáse un paso importante para protexer os mares da perigosa contaminación no caso de naufraxios", indicou o presidente do Parlamento Europeo, Hans-Gert Pottering, durante a sinatura oficial do novo marco lexislativo.

Os sucesivos desastres do Erika e do Prestige foron claves para que fosen adiante as novas medidas en materia de seguridade marítima. Vinte días despois da súa publicación no Boletín Oficial da UE entrarán en vigor, impedíndolle aos buques monocasco a navegación entre os portos europeos. Deste xeito, non só se lles esixirá aos petroleiros que sexan de dobre casco para contar con bandeira da UE, senón que independentemente da bandeira que leven, non poderán entrar en augas territoriais dos países da UE se son monocasco. Logo da catástrofe do Prestige a UE xa aprobara unha norma que estabelecía a sustitución progresiva dos buques monocasco coma o que afundira diante da costa galega, ademais de esixir a revisión inmediata de todos os que sumasen máis de 15 anos de antigüidade.

Por outra parte, a nova directiva europea estabelece a obrigatoriedade de aplicar sancións penais aos responsábeis de casos de contaminación marítima. Sexa cal for a natureza do vertido ou o pavillón baixo o que naveguen, os buques dos que se probe que verteron residuos ao mar, preto da costa ou mar adentro, afrontarán sancións que na opinión dos lexisladores europeos "contribuirán a disuadir destas prácticas e axudarán no combate á contaminación marítima". A norma poderá afectarlle a todos os chanzos da cadea: desde o propietario até o capitán do barco, pasando pola sociedade de clasificación ou o fletador.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: