Poucas semanas despois de que a Plataforma Nunca Máis lembrase os traballos pendentes para protexer o mar, Galiza recorda unha data que marcou un punto de inflexión na historia recente do país. O 1 de decembro de 2002, máis de 200 mil persoas colapsaban Santiago de Compostela para acudiren a unha masiva manifestación en protesta polo desastre do Prestige. "Aquí está a dignidade, aquí está a conciencia libre, aquí está un pobo vivo, aquí está a honra de Galicia", dicía Manuel Rivas naquela xornada no inicio do manifesto lido na Praza do Obradoiro.