Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Delito contra os recursos naturais

Piden seis anos de cárcere para dous empresarios de Padrón por contaminar o Sar

Administran dúas empresas dedicadas ao tratamento de aluminio e están acusados dun delito continuado contra os recursos naturais.

Redacción - 18:54 16/04/2007
O río Sar

O río Sar

As empresas Quintaglass e Quitastone, pertencentes ao grupo Exlabesa, xeran unha serie de residuos que, pola súa alta concentración en metais pesados, son considerados “perigosos”. É por iso polo que dispoñen dunha autorización da Consellaría de Medio Ambiente como produtora deste tipo de residuos.

Porén, ambas empresas non dispoñían de licenza para a súa vertedura na data dos feitos que se lle imputan. Por iso, os acusados almacenaron desde o comezo da súa actividade empresarial os residuos nunhas balsas directamente escavadas no chan, “sen xestionar en debida forma”, tal e como indica o escrito da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Foi logo dunha serie de inspeccións, a primeira realizada en 1999, cando o Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental estabeleceu unha serie de sancións por mor do efecto negativo que sobre o medio provocaban as devanditas balsas. Segundo o estudo encargado por este órgano, as augas residuais eran “vertidas directamente sen tratamento ningún a balsas sen acondicionar, que eran descargadas a través da apertura provocada no dique de contención cara aos terreos adxacentes alcanzando o regato de Bascuas”.

Deste xeito, o estudo expoñía a existencia dun “risco real” cara á saúde pública nos arredores da factoría por contacto dérmico, pola inxestión de auga subterránea contaminada e por inxestión de cultivos.

En inspeccións posteriores, desde o ano 2000 até o 2005, comprobouse que os administradores das empresas "non realizaron acción ningunha para acondicionar as balsas e evitar a vertedura dos residuos". Por iso, desde aquela impuxéronselles diversas sancións económicas.

Na actualidade, ademais da pena de prisión, o fiscal pide para os dous acusados unha multa de 30 meses cunha cota diaria de 50 euros ao día e a inhabilitación especial para o exercicio do cargo de administrador de calquera empresa ou sociedade mercantil durante catro anos. Ao mesmo tempo, os acusados deberían indemnizar á Consellería de Medio Ambiente, ao Concello de Padrón e ao municipio de Rois no valor que se determine no xuízo polos danos e prexuízos ocasionados por estes feitos, así como o valor das medidas necesarias para restaurar o medio natural danado por estes feitos.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: