Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'A raíña da beleza de Leenane', mellor montaxe

O café cantante de Teatro do Noroeste ten cinco xerras novas

Pero non son para beber... Son os galardóns de cerámica que se entregan como Premios María Casares. A montaxe musical que creou Eduardo Alonso para lembrar o Vigo dos últimos días da República levou cinco premios.

Redacción - 13:33 28/03/2007
Mellor texto, música, escenografía, luz e vestiario para 'Imperial, café cantante'

Mellor texto, música, escenografía, luz e vestiario para 'Imperial, café cantante'

O Teatro Rosalía de Castro vestiuse de gala para acoller a gran gala das artes escénicas: no Día Mundial do Teatro, a Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia, AADTEG, concedeu os Premios María Casares na súa XI edición. O teatro vestiuse coas cores da república e encheuse de cancións como 'Ay, Carmela' e o Himno de Riego, convidando a adiviñar que montaxe había ser a estrela da noite: Imperial, café cantante, de Teatro do Noroeste, mereceu cinco dos dez premios aos que optaba. Todos os premios teñen que ver coa perfecta recreación daquel ambiente: mellor texto orixinal, escrito con enorme rigor histórico por Eduardo Alonso e publicado nun libro-cedé por Laiovento; mellor música, a composta por Bernardo Martínez e interpretada por artistas como Maxo Barjas, que encarna á fadista María das Neves; a iluminación, o vestiario e escenografía mereceron tamén as súas xerras.

A outra gran estrela foi a adaptación dun clásico irlandés por parte de Teatro do Atlántico: A raíña de beleza de Leenane foi a mellor montaxe, e Xúlio Lago, o mellor director. En canto aos intérpretes, un dos nosos actores máis recoñecidos encarnou ao príncipe de Dinamarca e foi elixido mellor actor deste ano: Luís Tosar cambiou a caveira que sostén Hamlet polo simbólico rostro de María Casares na xerra de cerámica. Tamén actor nesta mesma montaxe, Gonzalo Martín Uriarte, mereceu o galardón ao mellor secundario. O regreso ao deserto, a peza de Koltés levada á escena polo Centro Dramático Galego (CDG) supuxo o María Casares para Luísa Merelas como mellor protagonista. Anabell Gago repite, esta vez non como actriz principal (premio que levou o ano pasado por Tío Vania), senón polo seu papel secundario como a criada de Carambola, de lagarta, lagarta. O Premio de Honra Marisa Soto foi esta vez para a costureira Concha Abad, compostelá que vestiu ao elenco do CDG dende o seu comezo, no 84, ao longo de máis de cen espectáculos.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: