A emigración será a chave dos comicios nos concellos nos que o voto exterior supón polo menos unha cuarta parte do electorado.
Os resultados das eleccións municipais do próximo 27 de maio dependerán en máis de 50 concellos do concurso da emigración, posto que polo menos un de cada catro dos seus electores reside no estranxeiro.
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), das catro provincias galegas, Ourense é a que reflicte con maior intensidade este panorama, con ata 32 municipios cun mínimo do 25 por cento dos electores inscritos no Censo de Residentes Ausentes (CERA). Ademais, deste total, en nove a diáspora constitúe máis do 40 por cento dos cidadáns con dereito a tomar parte nas municipais. No caso de Avión ou de Bande este índice elévase até case a metade dos votantes.
O Partido Popular, que ostenta o poder en máis de 200 corporacións locais das 315 que hai en total no país, é a formación máis afectada por esta situación, posto que dos 53 municipios nos que a diáspora supón polo menos o 25 por cento, un total de 43 son populares. Pola súa banda, o PSdeG goberna en oito e o BNG e os independentes, nun cada un.
Neste contexto, seis de cada dez casas do concello nas que a emigración representa polo menos un cuarto do electorado son ourensanos, un total de 32, dos cales ata 18 presentan unha proporción da diáspora superior ao 33 por cento e en nove deles, máis de catro de cada dez votantes reside no exterior.
Así, en case a metade das corporacións locais galegas, concretamente en 24, o colectivo afincado no estranxeiro constitúe como mínimo un de cada tres electores. Non obstante, o caso máis significativo de Galiza constitúeo Avión (Ourense), unha localidade na que o censo electoral apenas supera os 2.200 habitantes, que se duplican se se suma aos emigrantes, que representan o 49,4 por cento dos votantes da localidade.
Outros casos nos que a incidencia da diáspora é determinante son Bande, co 47,3 por cento do censo total de 3.972 persoas; Arnoia, co 46 por cento dunha poboación de 1.913; Beariz, co 44,2 por cento dos 2001 electores cos que conta o municipio; ou Quintela de Leirado, co 44,3 dun total de 1.250 veciños con dereito a voto. Dos 32, ata 27 corresponden ao PP, tres ao PSdeG, un ao BNG e outro a Vucar, partido que goberna en Carballeda de Avia, con tres de cada dez electores no CERA.
Municipios pequenos
Neste sentido, os municipios pequenos máis castigados en décadas precedentes presentan esta realidade de forma máis acusada, posto que ao longo do século XX sufriron en maior medida o éxodo da súa poboación. En consecuencia, as grandes cidades galegas apenas mostran unha incidencia importante, como revela o 5,3 por cento de Lugo; o 5,5 por cento de Vigo; o 7,2 por cento de A Coruña; o 8,4 de Santiago. Non obstante, casos como Ourense e Pontevedra, aínda cunha incidencia baixa, chegan a dobrar algunhas das anteriores, con censos que presentan un 12 por cento de emigrantes.
Ademais, na Coruña son oito os municipios nos que a diáspora constitúe un cuarto dos votantes e nun deles, Val do Dubra, catro de cada dez viven no estranxeiro, o único que supera aos municipios da Costa da Morte, os que presentan maiores porcentaxes de electores no CERA na provincia, como acontece en Vimianzo, 30,3 por cento, Fisterra, 30 por cento, Muxía, 27,4 por cento, ou Laxe, 27,3 por cento. Do total, o PP conta con seis rexedores e o PSdeG, con dous.
En canto a Lugo, sete casas do concello teñen un cuarto dos seus votantes no estranxeiro e tres deles, máis dun de cada tres, concretamente Navia de Suarna, co 39 por cento; A Fonsagrada, co 36,2 por cento e Negueira de Muñiz, co 34,8 por cento; estes dous últimos gobernados polo PSdeG.
Polo que respecta a Pontevedra, un total de seis localidades contan con polo menos o 25 por cento dos seus electores no estranxeiro, das que a metade está por enriba do 33 por cento, Crecente, co 42,14 por cento; Cerdedo, co 33,3 por cento; e A Lama, co 33,2 por cento. Ademais, a totalidade dos casos desta provincia presentan alcaldes do PP.