O Congreso dos Deputados vai debater este martes unha proposición non de lei do BNG para introducir reformas no voto emigrante. A deputada Olaia Fernández Davila defenderá a depuración e actualización do Censo de Residentes Ausentes (CERA). Os nacionalistas queren que os funcionarios das embaixadas vixíen a legalidade dos procesos electorais no exterior.
A proposta non de lei pide que se contemplen convenios cos dez Estados nos que haxa un maior número de inscritos no CERA para "garantir o envío do voto certificado de xeito persoal polo votante, coa exixencia de identificación". Outra das iniciativas novidosas ten que ver co control dos viaxes institucionais para frear a "instrumentalización partidaria". O asunto é de especial interese para Galiza, polo gran número de emigrantes que participan nos diferentes procesos electorais. Nos últimos meses rexurdiron os cruces de acusacións entre os partidos polas visitas de alcaldes e altos cargos da Xunta á colectividade na diáspora.