A Secretaría Xeral de Emigración ven de facer públicos os seus obxectivos para o próximo ano entre os que destacan a creación da figura do Valedor do Emigrante e a reforma da Lei de Galeguidade, que tentará aplicar as conclusións do VIII Consello de Comunidades Galegas celebrado o pasado agosto en Santiago. A secretaría confía en que a reforma do Estatuto de Autonomía recolla as demandas dos galegos e galegas do exterior.
A figura do Valedor do Emigrante velará pola protección xurídica e o exercicio dos dereitos dos cidadáns galegos residentes no exterior. Trátase dunha promesa comprometida polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante a súa primeira visita institucional a Arxentina e Uruguai no pasado mes de marzo.
A tramitación lexislativa desta figura comezará no 2007. O Valedor será o comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos fundamentais e liberdades dos emigrantes galegos, da súa dignidade individual e colectiva e dos seus dereitos culturais, sociais e laborais.
Entre os seus obxectivos destacan a supervisión da actividade da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus entes e empresas, públicas ou dependentes, así como a actividade da Administración local e provincial naquelas materias relacionadas co fenómeno migratoria, ou cando as súas normas, acordos, resolucións ou actos afecten a galegos residentes fóra do territorio de Galiza.
O Valedor tamén será o responsábel da elaboración anual dun informe que dea conta da situación real dos galegos no exterior, atendendo aos países que acollen á maioría da poboación de orixe galega.
Reforma da Lei de Galeguidade
Durante o mes de agosto o VIII Consello de Comunidades Galegas debateu a reforma da Lei de Galeguidade. As conclusións, remitidas en primeira instancia á Xunta, cursan indicacións a ter en conta á hora de encarar a reforma e foron tamén enviadas ao Parlamento autonómico, de cara a dispor dun material de partida para iniciar a tramitación da nova lei.
Ditas conclusión inclúen tamén a demanda de que o preámbulo do novo Estatuto de Autonomía recolla o fenómeno da emigración como parte da realidade social galega dun xeito claro e explícito, facendo referencia aos galegos e galegas residentes no exterior no artigo referente á regulación da cidadanía galega.
Tamén se solicitara ante o Parlamento que se contemple un artigo dentro do ámbito das competencias sobre a regulación da protección do patrimonio galego exterior, por canto Galiza conta cun valiosos patrimonio artístico, bibliográfico, arquitectónico e histórico.