Malia que a policía xa tiña despregado un forte dispositivo antidisturbios, Copenhaguen non viviu na noite do sábado outra madrugada de violencia e altercados. A concentración nocturna para protestar polo peche dun centro xuvenil alternativo non dexenerou en violencia. Entre o xoves e o venres as forzas de seguridade detiveron a máis de 600 radicais no que cualificaron como a peor vaga de violencia da última década.
Todo comezou o pasado xoves cando un escuadrón antiterrorismo das forzas de seguridade desaloxaron ás persoas que ocupaban un centro xuvenil alternativo situado no centro da capital dinamarquesa. Trátase dun centro frecuentado por anarquistas e grupos de esquerda. Estes ocuparan o inmoble, propiedade do concello, hai xa vinte anos e, desde aquela, o edificio funcionaba como un centro cultural.
Ás protestas do xoves e venres sumáronse activistas de Suecia, Noruega e Alemania, que xunto cos daneses lanzaron pedras á policía e incendiaron varios vehículos. Na noite do xoves foron máis de 200 as persoas detidas nos disturbios, que deixaron 25 feridos. Na madrugada do venres a violencia desencadeouse outra vez no medio dunha concentración de protesta, con case 400 detidos.