Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais 07

Negueira de Muñiz: Poucos, roxos e nada populares

Un concello ben peculiar: é o menos habitado do país; todos os seus concelleiros -cinco- son progresistas (catro do PSdeG e un do BNG); e é o único concello de Galiza no que o PPdeG non ten representación. Ademais, o procedemento electoral é de listas abertas, e mesmo conta cunha comuna hippie.

Fernando Arrizado - 09:23 21/05/2007
Poucos
Concretamente, 213 habitantes -111 homes e 102 mulleres. Algo máis de 4 persoas por quilómetro cadrado. Aproximadamente, o 0,0078% da poboación total do país. O Concello de Negueira de Muñiz é o municipio co padrón máis pequeno de Galiza. Curiosamente (ou xa non tanto), nas vindeiras eleccións do 27 de maio están chamados ás urnas 308 veciños (196 aborixes, 106 residentes ausentes, e media ducia de cidadáns europeos con dereito a voto), xa que logo, Negueira de Muñiz ten máis electores que habitantes.

Roxos

Todos os concelleiros de Negueira de Muñiz forman parte de forzas progresistas, as dúas con maior apoio do país: PSdeG e BNG. Nas eleccións municipais de 2003, tan só 33 persoas -o 16,18% do censo- votaron conservador, neste caso PPdeG. Coñecida é tamén a presenza no concello dunha comuna, na aldea de Foxo, fundada en 1977, preto do encoro de Salime. Os seus habitantes, que tamén votan, defenden unha forma de vida libre que fuxe do consumismo capitalista; nunca a ideoloxía da dereita galega chegou a callar demasiado neste colectivo.

Nada 'populares'

Cero populares, mellor dito. Negueira de Muñiz é o único concello de Galiza no que o PPdeG non ten representación. Cómpre lembrar que nos municipios de entre 100 e 250 habitantes o procedemento electoral é diferente ao convencional (lei D'Hondt), e máis similar ao de listas abertas. Cada elector pode marcar catro candidatos nas papeletas; os cinco que máis votos obteñen son os elixidos. Nas eleccións de 2003, o PSdeG conseguiu todos os postos. O sexto candidato máis votado, do BNG, entrou pouco despois en substitución do concelleiro e alcalde, Eladio Basadre Lodos, finado. O PPdeG ficou fóra da corporación municipal.


En Negueira de Muñiz, a campaña electoral de cara ás municipais do 27 de maio non é demasiado espectacular. Non conta coa presenza de líderes de partido, nin de conselleiros, nin tampouco con grandes mítines. En realidade, non hai mítines. O voto pídese persoalmente, porta a porta. Tampouco hai enquisas, hai cálculos aproximados en función do que falan os veciños.

PSdeG

O candidato socialista e actual alcalde, Xosé Manuel Braña Pereda, afirma ter boas expectativas, e di non crer demasiado nos mítines: "a xente xa ten unha cultura política, o que valen son as propostas concretas".

Entre os principais temas que máis lles preocupan aos veciños de Negueira, segundo Braña, están a carencia de infraestruturas e o lonxe que están de Lugo. "Somos un municipio de montaña e estamos condicionados por iso", di. Tamén, parar a imparábel despoboación do concello, común a moitos outros concellos do interior de Galiza, é o cabalo de batalla do candidato do PSdeG.

BNG

Porén, Manuel Cancio, alcaldábel do BNG, discrepa dos logros de Braña neste eido nos últimos catro anos. Segundo el "non se fixeron políticas concretas e efectivas para atallar o despoboamento de Negueira", que vén sufrindo dende a metade do século pasado, coa construción do encoro de Salimes. Neste senso, Cancio aposta por explotar "o grande potencial turístico" do concello. Tamén, di que cómpre mellorar a atención sanitaria. Na capital do concello atende un médico dúas veces por semana, dependente do centro de saúde da Fonsagrada, onde está o servizo de urxencias máis próximo, a uns 25 quilómetros.

Critica, ademais, o xeito de actuar do PSdeG nos anteriores comicios. "O que fixeron foi pórse de acordo cos seus votantes para repartir os votos entre os seus cinco candidatos, para así saíren todos elixidos", sinala, "é un fallo do sistema que aproveitan", engade.

PPdeG

No que si coinciden ambos candidatos é no descoñecemento do candidato do PPdeG. "Só sei o seu nome, non é de aquí", di Braña. "Ningún da lista é de Negueira", afirma Manuel Cancio. "Son de Santiago", confirma o aludido, que se chama Luís Mingo Martín. Este di que a súa familia posúe unha casa en Negueira que están a restaurar. "O PPdeG confiou en min, e eu síntome agradecido", manifesta. No entanto, os seus rivais políticos cren que se trata dunha manobra propagandística do PPdeG, "para poder dicir que se presentan nos 315 concellos galegos".

Para Mingo Martín, o principal problema que sofre Negueira de Muñiz son as vías de comunicación. "Aquí todo é monte", afirma, "e haise que mover por pistas". Ademais di que "as aldeas non teñen nin teléfono e non hai acceso a internet, só vía satélite ou polo móbil".

Respecto ás expectativas de cara aos comicios electorais, Mingo está convencido de que Negueira será máis popular o 27 de maio. "Contamos con dous concelleiros”, sinala. "Os veciños quéixanse moito do alcalde", afirma, e engade que "mesmo na comuna hippie, estou seguro de que habemos de conseguir un apoio importante".

Novas relacionadas

O voto emigrante determinará a alcaldía en máis de 50 municipios

A emigración será a chave dos comicios nos concellos nos que o voto exterior supón polo menos unha cuarta parte do electorado.

O 40% dos concellos lugueses e ourensáns aínda non teñen acceso de alta velocidade

En Galiza contratar unha conexión de banda larga non é unha utopía só para os habitantes do rural. Incluso oitenta e nove concellos do país, case o...

José Manuel Braña será el alcalde de Negueira

Tras a morte de Eladio Basadre, José Manuel Braña será el próximo alcalde de Negueira de Muñiz.

A volta

As eleccións municipais en concellos como Negueira de Muñiz pode que non teñan moita importancia para as direccións nacionais dos partidos, mais para os veciños son tan importantes como as de Vigo ou as da Coruña e, posíbelmente, os seus problemas moito máis graves.

A volta

A despoboación é un mal endémico dos municipios do interior do país. Cumpren solucións dende o concello, mais tamén e sobre todo dende a Xunta. E cumpren xa.

A volta

Certo é que a orografía dos concellos de montaña, como o de Negueira de Muñiz, impide contar cunhas infraestruturas adecuadas. Porén, vai sendo hora de que deixe de ser unha desculpa para manter aos seus habitantes illados. O mesmo sucede coa conexión a internet. Os TRAC non son exclusivos dos Ancares ou O Courel, hainos por todo o rural e impiden que unha alta porcentaxe da poboación galega teña acceso á información planetaria. De feito, é moi probábel que os máis interesados en ler este artigo non o poidan facer até dentro dunha década.

4,58/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Resultados nas pasadas municipais en Negueira de Muñiz
Resultados nas pasadas municipais en Negueira de Muñiz
Imaxe dos montes de Negueira de Muñiz
Imaxe dos montes de Negueira de Muñiz
Imaxe da web do Concello de Negueira
Imaxe da web do Concello de Negueira